Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A literatura infantil e xuvenil galega a través do epistolario de Neira Vilas e Del Riego (1)

jueves, 28 de septiembre de 2023
Téñolle escoitado a Neira Vilas como observando o que se publicaba en Cuba para rapazada, moitas veces traducido doutros países, Anisia decidira escribir historias que reflectiran a realidade cubana (e polas que foi premiada), como traballaba con pedagogos e publicaban as revistas Zunzun e Tijerita para que chegaran a todos os A literatura infantil e xuvenil galega a través do epistolario de Neira Vilas e Del Riego (1)recunchos da illa e ás mans de toda a rapazada; como trasladou o aprendido e reflexionado a Fernández del Riego... Agora lendo as cartas as súas palabras volven, de novo, ata nós.

Na carta de 12 de novembro de 1964, enviada dende Guanabo, Neira Vilas coméntalle a del Riego como a partir das experiencias adquiridas (pola súa parte e a de Anisia) nas edicións de libros para rapazada e adolescencia realizadas en Cuba, tanto de autores autóctonos como de renome universal, quere proporlle algo o que leva tempo cavilando: que Galaxia publique libros para estas idades. Así o fai: "Galaxia naceu hai catorce anos. Vai camiñando por diversos xéneros con gran acerto. Ten coleccións importantes, moi ben deseñadas e atendidas, pero carece dunha literatura infantil. / Se un home ou unha muller non leron de pequenos é difícil que o fagan de adultos. Ler en galego, quero decir. A nosa lingua natural é o galego, obviamente, pero a uniformidade centralista leva a facer todo en castelán. Sabémolo todos. / Concretamente propóñolle esto: que Galaxia bote a andar unha colección infantil. Con creadores do país ou mediante traducións poñendo sempre por diante a calidade, no texto e nas ilustracións. Xa sei que o xénero é novo, no mundo enteiro. (...) Tal colección galega seria máis importante entre nós, cando hai unha lingua oficial que trata de esmagar a nosa forma natural de expresarnos. / Aquí lle deixo a idea. Podo colaborar trasladándolle as nosas experiencias e incluso escribindo como xa o estou (estamos) facendo aquí, pero en lingua galega, claro está."

O 23 de febreiro do 1965 cumprindo unha promesa anterior amplía as referencias á LIXG "É a miña propia esperiencia de neno galego, engadida a necesidade cultural do noso país de que non se perda nin desvirtúe o idioma (que teña vixencia na palabra escrita, na retina dos nosos rapaces), é perciso i é urxente que o noso povo adeprenda a respetalo, a tomalo "en serio" dende a infancia." Continúa falando do uso do galego oral e escrito e do complexo de inferioridade, para pasar a deterse nas temáticas preferentes e a maneira de presentarllas en cada tramo de idade (ata seis, de sete a dez, de dez a quince), concretando como hai que centrarse na realidade do país: os animais que aquí hai, as lendas, os temas históricos; a linguaxe a empregar e acode a unha longa cita de A. S. Makarenko para explicar como deben ser as ilustracións, o lirismo ou afirmar "As peculiaridade que distinguen a literatura infantil da adulta, radican non no que se conta senón en cómo se conta" e defender que o libro ha de rebasar algo a competencia lectora do neno/a para levalo cara adiante, "a lugares onde aínda non estivo.", incluso fala daqueles "libros que os adultos, pola súa conta e risco, decidiron que deben agradar obligatoriamente aos pequechos." Fálalle de obxectivos específicos da LIXG "un deles de capital valía: levar o idioma galego escrito ós nenos, Familiarizalo coa palabra escrita (...) a falla de contaito dende os primeiros anos co galego escrito, leva a moita xente a nono tomar en serio". E conclúe: "Debería facerse un compromiso por parte dos nosos mellores narradores, pra facer algo neste senso".

A esta contesta Fernándel Riego en abril. "Lin moi de vagar, e coa meirande atención, as súas suxerencias sobre o que podería ser unha literatura galega para nenos. Mirase que ten vostede matinado sobre do asunto, e hainos seus puntos de vista moitísimo de aproveitable (...) En fin, inda que de primeiras non se poda desenrolar un programa editorial amplio, haberá que ir realizando algo: A tradución, por exemplo, de contos infantís dos contistas clásicos dista especialidade; escolmas de contos populares; contos orixinales feitos por escritores nosos. O importante tamén é o asunto das ilustracións, e xa andamos a estudar no asunto."
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES