Monte, monte de Montouto
Cabada Castro, Manuel - miércoles, 27 de septiembre de 2023
Monte, monte de Montouto,
nunha noite de verán
ó teu cume alá subín
coa arela de escoitar
o musitar das estrelas
ata o abrente comezar.
Acendéraas o pai sol
ó no mar el se deitar.
Mar de monstros e de abismos
que ás estrelas non lles van.
Anxos sodes vós, estrelas,
ou somentes soños vans?
Soños nosos ou de quen?
Aprendédeme a soñar,
pois sen soños morro, estrelas,
e rexeito así finar!
Ben lle quero ó sol amigo,
mais non podo nel fitar;
é por iso que ás estrelas
uns biquiños lles vou dar!
Ó se abrir o novo día
co claror de par en par,
vanse o moucho e a curuxa
e as estrelas fan igual.
De amarelo campa o toxo
e a xesta o mesmo fai.
En si mesma ensimesmada
a laverca olla o val
entre chirlos e dicires,
ascendendo máis e máis.
Baixo e baixo moi contente
dende o cumio sen cansar
a ombreiros de Montouto,
pois é tempo de almorzar.
A silveira dáme amorias
e con elas sen parar
fago presto un bo pisote
para fames eu matar:
eu deixándome querer,
ela sabe de si dar.
Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora