Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Presentación de 'A cabeleira', de Claudio Rodríguez Fer, en 70 idiomas

miércoles, 27 de septiembre de 2023
O poeta lucense Claudio Rodríguez Fer, sempre aberto á interculturalidade, cultivou a edición multilingüe dende que en 1995 publicou o se poema 'A cabeleira (Fragmentos)' en 4 idiomas: orixinal galego e traducións do mesmo de Olga Novo (castelán), Diana Conchado (inglés) e María Lopo (francés). Vinte anos despois editouse en 35 idiomas e Presentación de 'A cabeleira', de Claudio Rodríguez Fer, en 70 idiomaslogo en 60, mais agora Edicións Fervenza vén de reeditalo en 70. E tal edición, titulada 'A cabeleira (Poema traducido a 70 idiomas)' vai ser presentada o venres 29 de setembro cun recital de entrada libre no Centro Ramón Piñeiro (Rúa San Roque, 2, Santiago de Compostela), ás 18 h.

Armando Requeixo, quen precisamente acaba de publicar a oportuna entrevista "Claudio Rodríguez Fer. Medalla Mihai Eminescu en Romanía. 'A cultura galega estivo sempre aberta á diversidade intercultural'", no último número da revista Tempos Novos, salientou hai tempo "a aceptación e alto interese suscitado pola composición", traducida "a linguas de todos os continentes habitados". Pola súa parte, Xesús Alonso Montero celebrou tamén hai tempo que fose traducido un texto galego por primeira vez a varios idiomas: "É tal a proxección internacional de Claudio Rodríguez Fer (nos ámbitos filolóxicos universitarios) que a presenza da lingua galega en certas áreas lingüísticas chega a elas da súa man".

E, de novo Armando Requeixo, sinalou: "A literatura galega ten en Claudio Rodríguez Fer non só unha das máis senlleiras voces das últimas décadas, senón tamén un dos seus principais embaixadores. A obra deste poeta vitalista está traducida a un grande número de idiomas dos cinco continentes e un dos seus textos, o poema 'A cabeleira', ten versións en case unha setentena de linguas, o que o converte no texto de noso trasladado a máis linguas do planeta".

O propio Claudio Rodríguez Fer escribiu unha "Memoria vital da cabeleira multilingüe", incluída no novo libro como introdución aos setenta textos, na que detallou a historia de versións, edicións e recitais aos que deu lugar, "motivada pola relación literaria e polo contacto persoal", e digna de "un tratado filolóxico ou unha novela de vidas cruzadas".

Os maiores recitais políglotas de "A cabeleira" foron presentados en Lugo (Librería Gato Neghro, por Pepa Barrios e Manuel Fernández Rodríguez), Santiago de Compostela (Fundación Granell, por Natalia Fernández Segarra; Facultade de Filosofía, por Nieves Herrero e Belén Quinteiro), Nova York (Hunter College, por Diana Conchado), París (Universidade París Este, por Claudie Terrasson) e Brest (Universidade de Bretaña Presentación de 'A cabeleira', de Claudio Rodríguez Fer, en 70 idiomasOccidental, por Iván López Cabello). Neles participaron decenas de tradutores, filólogos, escritores e simplemente falantes, pero tamén houbo numerosos recitais espontáneos que, sen participación do autor, foron organizados en centros do ensino de diversos lugares do mundo, dende o celebrado en Dakka, capital de Bangladesh, ao realizado por alumnado do Instituto Manuel Murguía de Arteixo.

Ademais, Claudio Rodríguez Fer editou tamén os poemas "Pai meu (Amén, camarada)" en sucesivas edicións de 8, 11 e 16 idiomas, multilingüísmo que así mesmo se manifestou nun videopoema homónimo (https://ultragrafico.expoplanetarium.net/pai-meu-amen-camarada/) e "A viaxe vermella (María Casares)" en 11 idiomas, que deu orixe a recitais políglotas na Casa-Museo Casares Quiroga da Coruña, na Casa Jean Vilar de Aviñón e no Congreso Internacional María Casares da Universidade Autónoma de Barcelona.

O poemario "A cabeleira (Poema traducido a 70 idiomas)" será presentado por Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Armando Requeixo, crítico literario, catedrático de Galego e secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades; o autor do poema, Claudio Rodríguez Fer, escritor e director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, e a autora do debuxo e e do caligrama das cubertas, Carmen Blanco, escritora e profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Tras eles, o poema será recitado nas seguintes linguas a cargo das conseguintes persoas:

En galego, o autor.
En portugués, María Isabel Morán Cabanas, doutora e profesora de Lingua e Literatura Portuguesas na Universidade de Santiago de Compostela (Tradución de Claudia Murici).
En asturiano, Nieves Herrero, doutora e profesora de Antropoloxía na Universidade de Santiago de Compostela (Tradución de Xuan Bello).
En éuscaro, Larraitz Urruzola, actriz e titiriteira (Tradución de Ane Marcellán Arantzamendi, Antton Juaristi e Yurre Ugarte).
En castelán, Olga Novo, escritora, profesora e doutora polas Universidades de Santiago de Compostela e Rennes (Tradución dela mesma).
En catalán, Dolors Perarnau, doutora e profesora de Lingua e Literatura Catalás na Universidade de Santiago de Compostela (Tradución de Marta Pessarrodona).
En occitano, Francisco José Fernández Campo, doutor en Filoloxía Románica e ex-profesor de occitano na Universidade de Santiago de Compostela (Tradución de Eric Fraj).
En francés, María Lopo, ensaísta, catedrática de Francés e doutora en Literatura Francesa pola Universidade da Alta Bretaña (Tradución dela mesma).
En italiano, Cristina Marchisio, doutora profesora de Lingua e Literatura Italianas na Universidade de Santiago de Compostela (Tradución de Ana Rosso).
En romanés, Adina Ioana Vladu, filóloga, tradutora e doutora pola Universidade de Bucarest (Tradución de Ion Deaconescu).
En latín, Cecilia Criado, doutora e profesora de Literatura Latina na Universidade da Santiago de Compostela (Tradución de Aurora López e Andrés Pociña).
En inglés, Laura Lojo, doutora e profesora de Literatura Inglesa na Universidade de Santiago de Compostela (Tradución de Diana Conchado).
En alemán, Tania Vila, artista visual e licenciada en Filoloxía Xermánica (Tradución de Regina Goerger).
En bretón, Isabelle Kerdudo, profesora de Francés na Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela (Tradución de Herve ar Bihan, Alan Botrel, Gwendal Denez e María Lopo).
En grego clásico, Amelia Pereiro, doutora e profesora de Filoloxía Grega na Universidade de Santiago de Compostela (Tradución de Stathis Papakonstantinou).
En grego moderno, Irene Doval Reixa, doutora e profesora de Filoloxía Alemá na Universidade de Santiago de Compostela (Tradución de Theodora Grigoriadou).
En húngaro, Veronika Gergely, licenciada en Filoloxía Húngara e Portuguesa, bailarina, cantante e tradutora (Tradución de Szabina Ughy).
En ruso, Ekaterina Yakovleva, filóloga, tradutora e profesora (Tradución de Serguey Stepanov).
En ucraíno, Aleksandra Kaverina, filóloga e profesora (Tradución dela mesma).
En polaco, Klaudia Warzycka, estudante Erasmus na Universidade de Santiago de Compostela (Tradución de Marlena Zimma).
En checo, Anna Hozmanová, filóloga en prácticas no Centro de Linguas Modernas da Universidade de Santiago de Compostela (Tradución de Katerina Vlasakova).
En eslovaco, Karolina Nohynková, filóloga en prácticas no Centro de Linguas Modernas da Universidade de Santiago de Compostela (Tradución de Lucia Biznárová).
En turco, Pepa Baamonde, tradutora, ex-docente e primeira represaliada oficial por utilizar o galego como lingua vehicular nas aulas (Tradución de Írfan Güler e dela mesma).
En curdo, armenio, sánscrito e persa, José Virgilio García Trabazo, doutor e profesor de Lingüística Indoeuropea da Universidade de Santiago de Compostela (Tradución de Urfan Kenî e Remziye Alparslan, Sarkis Mahserejian, Dilip Jaiswal e Tahereh Arabsaeidi, respectivamente).
En xaponés, Noriko Fukushima, hispanista licenciada pola Universidade Seisen de Tokyo e máster en Edición pola Universidade de Santiago de Compostela (Tradución de Asaka Takekazu).
En esperanto, Cristina Fiaño, graduada en Enxeñería de Deseño Industrial pola Universidade da Coruña e en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural pola Universidade de Santiago de Compostela, onde fixo o máster en Servizos Culturais (Tradución de Diana Conchado).

Tratarase sen dúbida dun encontro histórico en favor da diversidade lingüística, da comunicación poética e da fraternidade universal, non casualmente celebrado na véspera do Día Internacional da Tradución.
Bao, Marcela
Bao, Marcela


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES