Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Libres para elixir se migrar ou quedar

jueves, 28 de septiembre de 2023
Hai uns días celebraba a eucaristía dominical nunha das parroquias da nosa diocese. Chamoume a atención a pluralidade de razas que se manifestaba nos rostros das persoas que alí nos atopabamos: máis do 40% correspondían a persoas vindas doutras latitudes. Africanos, ucraínos, suramericanos, asiáticos... mesturábanse na asemblea Libres para elixir se migrar ou quedarcos nativos destas terras. Pareceume unha imaxe preciosa e rechamante. Nosa Igrexa, do mesmo xeito que en Pentecoste, convertíase tamén nunha comunidade diversa, plural, intercultural. A casa de todos, onde ninguén se sente estranxeiro.

A inmigración deu un novo rostro á nosa Igrexa e á nosa sociedade española. As persoas inmigrantes convértense así en condición do noso propio futuro: porque o futuro da Igrexa é cos inmigrantes ou non existirá. Por iso, estamos chamados a recibilos con alegría e con espírito de auténtica hospitalidade. Achégannos tanto, rexuvenécennos, énchennos de espiritualidade e de experiencia profunda cristiá... Grazas!

Celebramos precisamente este domingo a Xornada dos Migrantes e Refuxiados cun lema moi interpelante: "Libres para elixir se migrar ou quedar". O seu enunciado permítenos reflexionar sobre as causas profundas que producen o fenómeno migratorio do que tanto sabemos na nosa Galicia. Certamente podemos imaxinar que a casuística que a condiciona é complexa e diversa. Pero, sen dúbida, como nos lembra o papa Francisco na súa mensaxe con tal motivo, "as causas máis visibles das migracións forzadas contemporáneas atópanse nas persecucións, as guerras, os fenómenos atmosféricos e a miseria. Os migrantes escapan debido á pobreza, ao medo, á desesperación".

E cando unha persoa ou unha familia viven nesa situación, é libre para migrar ou quedar? Pode elixir libremente cando a súa dignidade como persoa e o seu propio futuro vital están comprometidos? E cando non se é libre, non se converte máis en vítima que en verdugo? Por que entón criminalizar, deixarnos levar polas emocións nestes temas, culpabilizar de males, obstaculizar, facer muros que acabarán por esborrallar?

A xornada deste ano móvenos á construción dun mundo máis equitativo, mirando máis aló das nosas fronteiras. Con palabras do papa Francisco, "para que a migración sexa unha decisión realmente libre é necesario esforzarse por garantir a todos unha participación equitativa no ben común, o respecto dos dereitos fundamentais e o acceso ao desenvolvemento humano integral. Só así se poderá ofrecer a cada un a posibilidade de vivir dignamente e realizarse persoalmente e como familia". Se isto é así, teremos que expornos seriamente que non se rebaixe, senón que se incremente, a axuda internacional ao desenvolvemento; que nos concienciemos e traballemos por unhas relacións comerciais máis xustas; que reivindiquemos e votemos para que avancemos en relacións internacionais máis equitativas superando o colonialismo comercial, as débedas impagables, o sostemento de réximes corruptos...

E da mesma maneira, "mentres traballamos para que toda migración poida ser froito dunha decisión libre, estamos chamados a ter o máximo respecto pola dignidade de cada migrante; e isto significa acompañar e gobernar os fluxos do mellor modo posible, construíndo pontes e non muros, ampliando as canles para unha migración segura e regular".

A nosa diocese tamén está comprometida seriamente neste soño. Alégrame que, a través de Cáritas e da delegación de Migracións, formemos parte dos "Corredores de Hospitalidade" e da "Mesa do Mundo Rural" promovidas pola Igrexa española. Con estas iniciativas participativas acollimos a algunhas familias inmigrantes-refuxiadas entre nós, conxugando na comunidade cristiá os catro verbos que converten a emigración nun valor: acoller, acompañar, promover e integrar. Grazas aos que o fixestes posible porque, deste xeito, estamos a ser luz e fermento dunha nova humanidade máis fraterna.

O voso irmán e amigo.
+ Fernando, bispo de Mondoñedo-Ferrol
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES