Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os autobuses 'ateos' do meu barrio

miércoles, 11 de febrero de 2009
Compás social: Os autobuses 'ateos' do meu barrio

Moita xente do común ten a impresión de que todo o que se “mediatiza e politiza”, e dicir, todo o que acapara a atención intensiva dos medios de comunicación e dos políticos, acaba sendo unha mercadoría de consumo, ideoloxizada, sobada, degradada e banalizada. Esta apreciación é sen dúbida unha simplificación que pode converterse nunha simpleza; mais tamén pode ser síntoma dun malestar, dunha saturación do espacio público que estea creando unha vacina colectiva en expansión. No caso dos “autobuses ateos ou crentes”, persoalmente, no primeiro intre, tiven ansia de informarme; mais de contado me veu o cansazo de tanto programa de radio e televisión, de tanto escrito impreso ou dixital. Todo iso está cheo de ocorrencias faiscantes, pero con claros indicios de provocacións, preguizas mentais e fallos de elemental respecto.

Estaba esquecéndome desa leria cando tiven noticia de que polo meu barrio madrileño ía pasar algún autobús con pancartas ateas ou crentes. Efectivamente, xa levamos uns días con dous autobuses dando voltas e mais voltas cos seus carteis mudos, pero anunciando a mercadoría dos ateos e librepensadores. Ao ver pasar eses buses da Empresa Municipal de Transporte, espontaneamente esbozo un sorriso mesturado con algunha cavilación. Absoluto respecto polas persoas crentes ou non, mais pouca estima polas argalladas mercantís. No barrio algúns miran de esguello e musitan sílabas indescifrables. A maioría nin se molesta. Eu tamén pretendo seguir coma se chovera; non obstante, deseguida me decatei de que nesta circunstancia envolvente debía estar presto para eventuais comentarios. Aquí vai un pequeno fiado para conversas miúdas.

Que propoñen?
Primeiro, lin varias veces o texto itinerante dos autoproclamados ateos e librepensadores: “probablemente Deus non exista. Deixa de preocuparte e goza da vida”. Se nos axustamos a proposta literal, a primeira parte déixanos dubitativos: se é probable que Deus non exista, tamén é probable que Deus exista. Debe ser difícil non crer a medias, de proclamar a definitiva clausura da persoa, da humanidade sobre si mesma. Se os responsables desta expresión queren dicirnos que teñen dúbidas, que o seu facho non rompe a noite escura, iso é propio da condición humana, desde os grandes místicos hasta calquera fillo de veciña. Nesta cuestión os crentes cristiáns xa teñen un longo camiño andado: saben que a Biblia relata unha cadea de experiencias humanas que, adaptándose a capacidade de cada quen, con tenteos e múltiples buscas, pouco a pouco descubriron o rostro dun Deus transcendente hasta acadar a imaxe dun Deus Amor en Xesús, o Cristo. Aínda mais, ese Deus Amor identificase con todos e cada un dos seres humanos. Ao longo de vinte séculos esa perfil probablemente foi deformado, mesmo eclipsado para moitos; pero hoxe estamos na tarefa de redescubrilo con novos matices e desde novas perspectivas.

A segunda frase é aínda mais sorprendente: se nos din que hai que “relaxarse”, resulta evidente que a mensaxe dos autores supón unha idea ou imaxe dese probable Deus como a dun ser terrorífico, dun malvado espía global, dun totalitario estragafestas. Debemos aledarnos de que os librepensadores poidan librarse dese deus pantasma. A inmensa maioría dos crentes de tódolos credos non parecen estar sometidos a esa pesadume.

A terceira proclama “goza da vida”, pode interpretarse como unha evidencia ou unha sublimación do individualismo actual. Quen non busca, crente ou non, gozar da vida? “Ama e fai o que queiras”, dinos santo Agostiño interpretando a liberdade e a ledicia desde o Amor. Non podemos esquecer, non obstante, que o esforzo desagradable e a veces o sacrificio doloroso polo ben dos próximos e de nos mesmos forman parte da condición humana. Por outra banda, debemos supoñer que ningún librepensador desexa que a formidable conquista contemporánea da individualidade persoal derive nun individualismo exacerbado que faga o que pete ou lle veña en gana, sen reparar con quen ou contra quen. Unha responsabilidade elemental esixe unhas normas mínimas de comportamento cívico que, por certo, a inmensa maioría dos cidadáns acepta e vive sen necesidade de trompetadas.

Que pretenden?
Quedan as preguntas de intriga: que buscan con esa prédica ambulante? ¿convencer a alguén, promover algunha vena política, provocar os da outra beirarrúa? Nun momento de hipercriticismo e sospeita xeneralizada calquera motivación pode ser crible. A única certeza incontestable é que os beneficiados serán os responsables dos autobuses, e dicir, eses políticos locais cuxo valor supremo parece ser a recadación.

Os crentes dalgunhas confesións relixiosas decidiron responder. Teñen pleno dereito a propoñer a súa mensaxe e ser respectados; mais as pancartas nos autobuses non parecen o medio mais axeitado para abordar determinadas cuestións. A lectura sosegada, a palabra serena, o pensamento reflexivo, o sentimento respectuoso, o testemuño persoal e colectivo dos crentes son algunhas das formas básicas capaces de contaxiar unha fe razoable, unha ética de amor universal, unha moral respectuosa e unha ledicia esperanzada necesaria para vivir.

Crise económica, crise cultural
Mentres tanto, estamos inmersos nunha crise económica que pode durar anos, pero acabaremos superándoa; mais a crise espiritual-cultural de valores pode tardar decenios en encontrar un rumbo e síntese global crible e aceptable para a inmensa maioría. Todos e cada un dos cidadáns temos unha parte alícuota de responsabilidade; mais o epicentro atopase na actitude e comportamento dalgúns poderosos grupos e dirixentes que confunden a democracia con un supermercado mediático de chismadas frívolas, exabruptos, atallos e simplificacións demagóxicas. Ven vida sexa unha vacina masiva contra eses excesos que degradan a nosa democracia.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES