Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha bondade alén da xustiza

domingo, 24 de septiembre de 2023
Velaquí a grandeza da inimaxinábel personalidade de Xesús. Ela consiste en que nos vai transmitindo coa súa palabra e cos seus feitos como é Deus, como é aquel de quen el se sabe e sente coma o seu fillo benquerido. Posuía xa que logo unha experiencia única, fonda e íntima, para nós inconcibíbel, de como é Deus. Unha experiencia sobre a que el non podía ter dúbidas ou escuridades que o puidesen abalar.

Non se trata, en consecuencia, dunha experiencia semellante á de moitos filósofos, pensadores ou místicos de toda a longa historia humana, que só puideron achegarse a Deus con tenteos persoais e conxecturas humanas. A nós resúltanos totalmente inconcibíbel como podería ser aquela súa marabillosa experiencia interior, a de se saber o fillo benquerido de Deus. Unha experiencia única e exclusiva a del. Desa experiencia fonda e íntima rebordaba el.

El non fai polo tanto outra cousa ca comunicarnos de maneira sinxela esa súa fonda experiencia de Deus, de xeito que a puideramos dalgún modo comprender. Por iso é sempre sorprendente e emocionante asistir a esta escola do seu saber sobre o misterio amoroso de Deus. De aquí que el nos fale directa e limpamente, sen libros e sen axudas eruditas doutros mestres ou autores, sobre esa súa íntima experiencia de Deus.

Aprendemos así tamén a ver simultánea e conxuntamente o Pai Deus e o seu Fillo Xesús. Porque este non é máis cá presenza viva e actuante de Deus entre nós. Non esquezamos aquilo que lle dicía a un dos seus apóstolos: "Filipe, quen me ve a min, ve o Pai".

De maneira que el non é, nin fai, nin fala outra cousa máis có que é, fai ou a el lle fala seu Pai. Dado que o máis fundamental da revelación de Xesús é o de que seu pai Deus é tamén verdadeiro pai noso, non nos debería estrañar que hoxe se nos fale no evanxeo da xenerosidade e esplendidez dun Deus que nos chama e convida tamén a nós a traballarmos na súa viña.

Como ocorre xa dalgún xeito con calquera boa nai ou bo pai nas nosas familias, a xenerosidade e esplendidez de Deus connosco están por enriba de calquera apelación á estrita xustiza ou a supostos méritos persoais. O Amor que Deus nos ten supera, xa que logo, calquera comportamento supostamente debido ou simplemente xusto.

Na parábola do evanxeo de hoxe maniféstasenos así un Deus que busca a nosa colaboración no traballo que el mesmo está a facer no mundo. Mais el sabe da nosa preguiza, dos nosos problemas, das nosas indecisións e dos nosos cansazos. En definitiva, el coñece a febleza das persoas e trata por iso tamén tan bondadosamente estas coma aquelas que pola súa parte fachendean de seren as máis dilixentes ou espelidas.

Así, coa súa xenerosidade e co seu amor é quen de sorprendernos, chegando a proclamar, fronte ás pequenas e curtas xustizas humanas, que "os últimos serán os primeiros". Os traballadores da primeira hora, aqueles que se ergueron cedo do leito e axiña foron contratados, non teñen en consecuencia razóns para se consideraren a si mesmas mellores ou merecedores dunha meirande recompensa cá dos que se retardaron en comezar a súa tarefa.

Apréndenos así a sermos comprensivos, xenerosos e espléndidos cos demais. Por que? Pois porque o seu Pai Deus é así e así procede el tamén. Por iso é el así tamén. E por iso deberiamos tamén nós ser así. Non sen razón se ten dito neste sentido que esta parábola dos "traballadores da viña" é sen dúbida unha das máis revolucionarias do Novo Testamento.

O que si é tamén importante nesta mensaxe do evanxeo é que cada un de nós saibamos agradecer e aceptar o concreto convite que Deus nos fai -cando el queira e como el queira- a traballarmos con dilixencia e entusiasmo na súa viña. Grazas a este traballo poderán os seres humanos degustar e beber ese viño -cunha denominación de orixe insuperábel, pois é divina- co que Deus quere aledarnos e facernos "benaventurados", é dicir felices, a todos.

Quero rematar cunhas palabras do coñecido teólogo José Antonio Pagola en relación con esta parábola de Xesús. Son estas:

"Nunca esquecerei o impacto que me produciu, hai xa moitos anos, o descubrir que non foi o rigor ou a radicalidade de Xesús o que provocou irritación e rexeitamento, senón o seu anuncio dun Deus ‘escandalosamente bo’. A parábola dos traballadores da viña é particularmente significativa. O seu contido é tan revolucionario que aínda non nos atrevemos a asumilo. E, porén, a mensaxe de Xesús é clara: o mesmo que ‘o Señor da viña’ dá a tódolos seus obreiros o seu ‘denario’, merézano ou non, sinxelamente porque o seu corazón é grande, así Deus non fará inxustiza a ninguén, mais pode ofrecer a súa salvación incluso ós que, segundo os nosos cálculos, non a merecen [...] Deus é bo con tódalas persoas, merézano ou non, sexan crentes ou sexan ateos. A súa bondade misteriosa desborda tódolos nosos cálculos e está máis alá da fe dos crentes e do ateísmo dos incrédulos. Ante este Deus o único que cabe é o gozo agradecido. Esquecernos dos nosos esquemas, facer silencio dentro de nós e abrirnos confiadamente á súa bondade infinita".
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES