Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Hei volver á casa miña!

viernes, 22 de septiembre de 2023
Casa feita en nobre terra.
Son de pedra os alicerces
baixo a luz dun ceo azul.
Que ben un aquí se sente!

Levantada por canteiros,
que extraeron virxe pedra
con mestría e o seu brazo
da montaña na canteira.

Casa logo montesía
de Terra moi afamada
e de todos ben querida,
que de Montes é chamada.

Terra e ceo aquí se xuntan.
Sol, estrelas e mais auga
-ir e vir e mais volver-
entre si fan alternancia.

Alá lonxe canta o moucho
en noites de cadaleito,
mais de día os cirrios bolen
percorrendo o ceo enteiro.

Ó seu aire a anduriña
dona évos de camiños,
ben sabidos, familiares,
e da trabe do seu niño.

Rota a roda así dun tempo
que dá voltas en si mesmo,
berce eterno que me arrola
dende o albor do nacemento.

Bule a vida en derredor!
Non hai xeito de a explicar
nin palabras pra a dicir.
Só podemos abraiar.

Figos nacen das figueiras
pra rapaces e pardais.
Mais á beira a bevereira
deu desta vez moito máis.

Béveras son e non figos!
Isto dinme os sabedores
dos primores destes froitos,
todos eles papadores.

As humanas e outras vidas
tal dozura ben coñecen.
Unhas papan no amencer,
as arteiras cando queren.

Mais á mica non lle afecta
tal dozura moita cousa.
Pillabana ás pólas salta
fitando atenta o que voa.

Misterioso évos sempre
o equilibrio natural.
Gañan uns e perden outros,
mais a vida seguirá.

Verzas novas Lino porta
para agora llelas dar
no poleiro ás brancas churras:
moi fermosos ovos fan!

Con fachenda cacarexan
namais elas ovos ter,
ben quentiño coma o pan
acabado de cocer.

Mencía as galiñas olla
con infantil atención.
Évos nena e aprende moito.
Todo na vida é lección.

E arestora en terra verde
a toupeira a poucos pasos
-vida oculta e namorada-
medra ós poucos dende abaixo.

Terra, ceos, inframundo,
todo é vida recibida.
Vista, ouvido e firme abraio
lóana con retesía!

Mais se bicos queres de anxos,
desta terra namorados,
velaí tes os amorodos
nesta humilde terra nados!

Doutras árbores froiteiras
moitas delas podes ver.
Raza son do Paraíso,
ben o podes supoñer.

Se o mesmo Deus viña nel
na tardiña pasear,
nesta terra é ben seguro
que el estivo e sempre está!

Hai beldade na Galiza
dende tempo inmemorial.
Ceo, auga e verde terra.
Paraíso terreal!
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES