Crise - Fame
Rodríguez Basanta, Antonio - miércoles, 11 de febrero de 2009
Non son economista nin entendo de finanzas, pero polo que vai aparecendo nos medios de comunicación e polo que moitas familias comezan a soportar como poden, a crise xa está producindo os seus efectos negativos, e aínda se agarda que produza moitos máis. A situación non vai ser fácil, sobre todo para ese vinte por cento da poboación española que vive con poucos recursos e os tres millóns trescentos mil parados que hai neste momento. Cáritas así o valora cando o comproba polo incremento de axudas que ten solicitadas a través das parroquias.
Din os entendidos do tema que isto da crise xa ven de anos atrás: a economía neoliberal ata fai pouco boiante, é dicir, a economía que non ten escrúpulos nin límites con tal de gañar moito en pouco tempo, privilexiou as finanzas sobre a productividade. Ou con outras palabras: o predominio da especulación sobre a creación de riqueza material, que sempre repercutiría favorablemente no conxunto da poboación.
E o peor é que esta crise vai resultar -está resultando- aínda máis dramática para os países empobrecidos, pois favoreceuse os intereses dos países ricos e as multinacionais en detrimento dos máis pobres.
A crise, pois, non só é económica. Detrás está unha crise de valores e principios. Diríamos con outras palabras: é cuestión de ética. Cando prima a codicia, a ambición egoísta; cando só se buscan resultados a curto prazo; cando falta un control que regule este mercado financeiro; ou cando a liberdade individual non ten en conta os dereitos fundamentais dos outros, entón daquela non nos estrañemos que cheguemos ao que chegamos.
Xa o dicía Ghandi: quen retén algo que non necesita é semellante a un ladrón. Aí temos un dos obxectivos de desenvolvemento do Milenio, proposto pola ONU ata o 2015: erradicar a pobreza extrema e a fame que afecta hoxe a máis de mil millóns de persoas.
A Campaña de Mans Unidas, despois de cincuenta anos coa mesma teima, volve a insistir: Combater a fame, proxecto de todos. Unha oportunidade para facer deste mundo a terra de todos. De ti, de min, depende.

Rodríguez Basanta, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora