Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A afouteza de perdoar

sábado, 16 de septiembre de 2023
Na oración que dicimos conxuntamente na eucaristía –estou a referirme á oración do "Noso Pai que estás no ceo"- expresámonos deste xeito: "Perdoa as nosas ofensas como tamén perdoamos a quen nos ten ofendido".

Trátase dunha oración coa que Xesús lles aprende a orar ós apóstolos despois de estes llo pediren de maneira explícita. Vén sendo, polo tanto, algo así como o modelo para calquera xeito de nos dirixirmos a Deus, pai seu e pai tamén noso.

Non se trata dunha oración individual. Quero dicir: non son eu, en canto individuo particular, Manuel ou Iago, Xurxo ou Uxía, os que nos diriximos cada un pola súa conta ó noso particular Pai do ceo. Porque o noso Deus non é pai de individuos ou persoas humanas particulares en canto tales. Dese xeito Deus só é Pai de Xesús, o seu Fillo único, unixénito e eterno. Por iso só é Xesús persoa divina, aínda que cunha natureza humana coma a nosa.

Todos somos, pois, fillos de Deus-Pai e irmáns uns dos outros pola nosa común irmandade con Xesús, que é tamén un ser humano coma nós. Formamos entre todos, en consecuencia, unha gran familia. A familia dos fillos de Deus pola súa libre e amorosa vontade. El quérenos a todos coma fillos e por iso non lle comprace que os seus fillos non nos comportemos ben uns cos outros.

Por todo isto, o modo como Xesús quere que nos dirixamos ó Pai non é "Meu Pai que estás no ceo". Dese xeito só Xesús pode dirixirse a el. Tódolos demais, aínda que o fagamos desde a nosa particular soidade interior, non nos podemos dirixir a Deus máis que como Pai que é de todos. A conciencia de sermos irmás-irmáns dos demais non nos pode, pois, abandonar no intre de dirixírmonos a Deus. Dito doutra maneira. A Deus non lle vai dirixírmonos a el prescindindo dos demais ou, sobre todo, estando a mal con eles. Por que?

Cústanos moito chegarmos a aprender de maneira consecuente a incríbel importancia que ten o feito, no que cremos, de que Deus se fixo irmán noso en Xesús. Esta relación irmándanos automaticamente a todos. Formamos todos, xa que logo, unha única familia. E entre os membros dunha mesma familia (se é que a é de verdade) non se lles anda a pedir contas, uns a outros, das cousas malas ou boas que mutuamente nos fixemos ou deixamos de facer. Querémonos simplemente e de verdade. E se algunha vez hai algún problema, algunha "ofensa!, estase sempre disposto a perdoar e a facer as paces.

En calquera caso, ese é o nivel, ben alto, que se nos pon para sermos e comportármonos mutuamente e de verdade como irmáns. Perdoar, non "sete veces", senón "setenta e sete veces", tal como se nos di. É dicir, perdoar sen límite, sempre. É ben sabido que o número "sete" ten na linguaxe bíblica un sentido simbólico, que vén significar aquí algo así como "sempre", sen tope.

Mais coido que o máis importante de todo é que vexamos nisto a súa fonda raíz. Perdoar, ter un corazón xeneroso e perdoador, porque Deus-Pai así é e así sempre se comporta. Lembremos aquela marabillosa parábola do Novo Testamento de cando o fillo pródigo volve á casa e seu pai non lle bota en cara o seu mal comportamento senón que o enche de bicos e apertas e manda celebrar unha gran festa. Porque Deus nos quere, por iso é el sempre perdoador en relación co incorrecto comportamento dos seus fillos.

Lembremos unha vez máis tamén o que nos dicía Paulo, no anterior domingo, de que tódolos mandamentos se reducen a un só: "Ama o teu próximo como a ti mesmo". Se nos acostumamos a vermos nos demais a nós mesmos, entón faise todo doado. ¿Pois hai alguén que non se queira a si mesmo?

En vez de intentarmos facer, pois, cousas raras ou estrañas..., os cristiáns teriamos que especializarnos en vernos a nós nos demais. Porque por medio do Fillo humanizado de Deus acadamos tamén nós a dignidade de fillos de Deus. Somos así todos iguais no amor que Deus nos ten, no aprecio co que el nos olla. E esta dignidade non pode en modo algún quedar borrada ou anulada polos comportamentos indignos, inmorais ou ofensivos que poidamos ver ou comprobar nunha persoa concreta. Por enriba de todo e antes de nada, somos, e sómolo sempre, irmáns, queridos por Deus alén das nosas feblezas e dos nosos desordes morais.

No texto do evanxeo é Deus-Pai considerado como modelo do noso comportamento. Por iso, se el non se pon a si mesmo límites no seu amor a nós e no seu comportamento xeneroso e perdoador con todos, entón non será moito pedir que tamén nós fagamos algo semellante nas nosas mutuas relacións. É así como iremos construíndo ese "Reino de Deus" do que se fala tantas veces no evanxeo: un mundo no que as violencias, as inxustizas, os desencontros entre individuos e pobos deixen de ser crónica habitual dos medios de comunicación.

Este espírito xeneroso e perdoador engrandece as persoas, porque ó seren "pacíficas", é dicir, facedoras ou construtoras de paz, fanse elas merecedoras daquela "felicidade" da que se nos fala no evanxeo ó chamar "benaventurados" -ou sexa "felices"- os "pacíficos".

Este tipo de comportamento "pacífico", perdoador, ten un amplo abano de aplicacións. Desde o seo da familia -nas relacións entre marido e muller, pais e fillos e estes entre si- ata no caso das violencias militares, políticas ou sociais dos nosos tempos. Tamén nestes complicados temas, sen un comportamento xeneroso e perdoador non é doado chegar a unha solución que de verdade sande tódalas feridas.

Sexamos, pois, no conflitivo mundo de hoxe pacíficos, pacificadores, perdoadores, facendo así presente e visíbel o Deus xeneroso e perdoador que se nos manifesta en Xesús.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES