11. Cruceiro da Igrexa de Silán.
Parroquia: Silán.
Lugar: A igrexa.
Coordenadas UTM: X: 613.659 Y: 4.819.297.
Esta manifestación relixiosa, de dominio público, está situada carón do muro, que

delimita o cemiterio parroquial. Amosa unha orientación Sur-Norte. No se conxunto presenta unha serie de elementos artísticos que, nunha orde ascendente, están colocados da seguinte maneira:
Unha base monolítica, de forma paralelepípeda, parcialmente soterrada. Esta prolóngase nun fuste monolítico, de sección cuadrangular nos extremos e coas arestas achafranadas no resto. O fuste serve de soporte a un capitel de forma cúbica, decorado con volutas nos vértices superiores das arestas e querubíns nas caras; ademaís, mostra un ábaco decorado cunha roseta cuadrifolia en cada cara. O cruceiro remata nunha cruz latina, de sección cuadrangular nos extremos mais coas arestas oitavadas no resto, mostrando tamén un tipo de cruz florenzada nos extremos dos brazos e da cabeceira. O anverso da cruz amosa baixo unha cartela unha efixie de Cristo coas seguintes pecularidades: unha coroa de espiñas na cabeza, que está inclinada ao lado dereito; os seus brazos están estendidos ao longo da cruz mais separados dela ao igual que a cabeza, o lombo, e as pernas; as mans aparecen abertas; o perizoma está anoado ao lado dereito; e as pernas, lixeiramente flexionadas, amosan o pé dereito sobre o esquerdo e ambos os dous sobre unha caveira e dúas tibias.
12. Cruceiro do Cemiterio
Parroquia: O Viveiró.
Lugar: A Igrexa.
Coordenadas U.T.M.: X: 611.090 Y: 4.816.328.
Esta expresión artística, de propiedade pública, está situada no adro da igrexa parroquial. Mostra unha orientación Nw-Se. No seu conxunto amosa unha serie de

partes claramente diferenciadas que nunha orde ascendente están colocadas do seguinte xeito:
Unha plataforma granítica, composta por dous chanzos superpostos de forma paralelepípeda. Esta serve de soporte a unha base monolítica e granítica, composta por dous tramos: o inferior, de forma paralelepípeda; e o superior, de forma troncopiramidal coas arestas superiores redondeadas; ambos os dous tramos están separados por unha pequena molduración.
Na cara Nw., lese a seguinte inscrición:
"EL SR OBISPO DE/
[MONDOÑEDO]/
CONCEDIO 40 DIAS DE IN/
DULGENCIAS POR REZAR EL".
A base prolongase nun fuste monolítico, de sección cuadrangular nos seus extremos e oitavada no resto como resultado do rebaixe das arestas. O fuste serve de soporte a un capitel composto de tres tramos: o inferior, cunha pequena molduración cóncava a xeito de "caveto invertido"; o medio, de forma troncopiramidal, está decorado con volutas nos vértices superiores das arestas e cabezas de anxos con ás nas catro caras; e o superior, formado por un triple corpo de catro molduras cóncavas correspondentes a cada unha das caras; no medio da moldura cóncava superior hai un adorno dunha roseta cuadrifolio.