Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Verdades reveladas

martes, 12 de septiembre de 2023
Algunha vez téñenme preguntado de quen herdei a paixón pola filosofía. O certo é que non tiven, que eu saiba, ningún devanceiro filósofo na familia, se exceptuamos o caso do tío-avó Marcelino, o máis noviño dos irmáns da avoa paterna. Del herdei o nome e tamén a paixón pola filosofía, pois deixou para a posteridade unha frase que a avoa repetía con fonda solemnidade: "Hai un Ser que nos domina".

O tío-avó tivo sempre unha intelixencia prodixiosa, malia non poder cultivala academicamente porque só asistiu á escola elemental en Raxó. Cando chegou a idade militar, marchou a Ferrol a servir a El Rei e, de alí, a Cuba, onde finou sen cumprir os trinta anos. Algunha vez pensei que a súa frase tiña certo aire coa do barbeiro de sábado de Castelao, que se ensumía profundando nos misterios da outra vida e, despois de moito profundar, espetoulle ao compañeiro: "Eu teño que morrer e teño que ser xulgado, 'pese que me pese', ¿sabes?". Aínda que cada un destes sabios humildes segue o seu propio camiño, ambos chegaron a unha verdade moi fonda.

Lembreime a pasada semana de meu tío-avó e tamén do barbeiro de sábado de Castelao ao escoitar a conferencia inaugural das Xornadas de Teoloxía que tivo lugar no Instituto Teolóxico Compostelán e que supuxo a rehabilitación do teólogo galego Andrés Torres Queiruga. Criticou Andrés, por exemplo, a fe dos que oran para pedir a Deus os seus favores a través da intercesión dos santos, da Virxe ou de Xesús, probablemente un dos alicerces da relixiosidade popular. Non debemos pedir porque "voso Pai ben sabe o que precisades xa antes de que llo pidades" (Mt 6:8).

Moitos dos alí presentes sentimos unha certa sensación de alivio cando Queiruga citou o coñecido versículo de Mt 11:25, no que Xesús dálle grazas ao Pai porque "lles escondiches estas cousas aos sabios e aos prudentes e llas revelaches á xente humilde". Estou certo de que os alí presentes recibimos a fe de persoas humildes, como o tío-avó, e non de ningún teólogo. ¡Madia leva!
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES