Os salóns de Baile
Fernández, Suso - lunes, 09 de febrero de 2009
Espallados polas vilas e o medio rural da nosa comarca permanecen vellas edificacións, de modestas dimensións e sinxela arquitectura, pero non exentas de certa singularidade que as distingue, que ó longo de moitos anos, en tempos pasados, cumpriron unha destacada función social: os salóns de baile que, coas cíclicas festas e romarías, eran as mais sinaladas plataformas para a relación comunitaria da xuventude e viveiro no que medraron as relacións amorosas de mozos e mozas que deron lugar á gran maioría dos casoiros durante boa parte do século XX.
Eran prácticamente os únicos recintos públicos para tales encontros, e a eclosión deles
produciuse despois da guerra civil (que rematara en 1939) e en tódalas parrroquias se habilitaron cando menos un local de baile ó que acudían as mozas do lugar que, ademais dos veciños, recibían a visita, camiñando ou en bicicleta, dos rapaces do contorno. Nós lembramos que nunha parroquia focega, de apenas mil habitantes, abrían as súas portas tres salóns a un tempo
As vilas da Mariña, por lóxica razón das súas magnitudes, contaban con salóns de maior envergadura, que polos anos cincuenta deron en ofrecer actuacións musicais mesmo de ámbito internacional, abandonando o máis modesto apelativo de salón de baile para erixirse en salas de festas, mais pretensioso. Varias delas acadaron moita sona mesmo fora da bisbarra; unha foi, sen dúbida, o Bahía. Acaso fose éste o motivo polo que os guionistas do programa Alalá da TVG se personaran en Foz a pasada semana para facer unha grabación na mesma, na que se recrea o espíritu dos ancestrais salóns de baile, lembrando usos e costumes, orquestras e protagonistas daqueles tempos. A TVG vai a ofrecer ós espectadores algo que é carismático do antroido focense: o baile do faroliño, que é unha peculiaridade case que exclusiva da vila focega e o seu entorno mais próximo, onde con todo merecemento acadou o calificativo de tradicional. Efectivamente leva mais de 60 anos celebrándose. No programa soará, a cargo de orquestra improvisada por Arcadio Mon e compañeiros o Vals das velas, a música insustituible para bailar o faroliño.

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora