Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Paradoxas do vivir cristián

domingo, 03 de septiembre de 2023
O estraño da escena que hoxe nos describe Mateo é o feito de que estea en directa continuidade coa incríbel resposta que lle dá Pedro pouco antes á pregunta do seu Mestre sobre quen era el. Para Pedro, el non é nin máis nin menos que "o Fillo de Deus vivo". Resposta que era sen dúbida, para dicilo dalgunha maneira, unha alusión á súa orixe divina. Ninguén sobre a terra lle podía ter suxerido a Pedro unha declaración tan sobrehumana e ó tempo tan axustada.

O estraño, digo, en relación con esta resposta, unha resposta máis divina ca humana, é que Pedro pase tan rapidamente de ser considerado fiel e atento auscultador da inspiración divina a el de Deus Pai a ser censurado e rebaixado nada menos que á condición de Satanás. Pois ben sabemos que Satanás vén sendo o símbolo mesmo do mal, da perfidia ou do engano.

Como se pode pasar tan de présa do máis alto ó máis baixo na apreciación respecto dunha mesma persoa? Ademais, quen está aquí a xulgar sobre a actitude de Pedro é o propio Xesús, sobre o que Pedro tan correctamente dixera que era "o Fillo de Deus vivo". Está claro que para o seu Mestre se están xogando aquí asuntos moi importantes.

O feito é que Pedro, ó que non se lle pode negar grandes doses de amor ó seu Mestre, debeu de quedar totalmente bloqueado co negro futuro que Xesús anunciaba verbo de si mesmo. El, que para Pedro e os demais apóstolos significaba o máximo de grandeza, de bondade e de plenitude moral ía ser tratado pola cúpula mesma dos dirixentes relixiosos -segundo o seu anuncio- coma un malfeitor ata o punto de rematar sendo eliminado ignominiosamente do mundo dos viventes. É verdade que anunciaba tamén que "ó terceiro día había resucitar". Mais isto último non lles dicía practicamente nada ós seus discípulos. Pois o significado concreto desta resurrección viña ser algo situado alén de calquera experiencia concreta. En definitiva, o que Pedro percibía era o fracaso do seu Mestre e o triunfo da maldade sobre a bondade e a xustiza. ¿Como podía permitir quen tanto poder tiña xa mostrado contra toda clase de doenzas, enfermidades e incluso contra a morte mesma permitir que a súa propia persoa chegase a se converter en vítima das meirandes inxustizas e vilezas? Non, iso non podía ocorrer. E así Pedro llo fai saber.

Con todo, esta humana sabedoría de Pedro non está aquí ó nivel da súa primeira resposta, na que, inspirado, confesaba que o seu Mestre era "o Fillo de Deus vivo". Pedro recibe aquí efectivamente un "suspenso" en sabedoría divina. El pensa e fala aquí a un nivel puramente humano. "Non te deixas guiar por Deus –amoéstalle Xesús- senón polos homes".

O seu Mestre vese así obrigado a sentar cátedra para lles comentar ós seus discípulos unha serie de paradoxos fundamentais da súa mensaxe, que se converterán no eixo ou estrutura fundamental da vida cristiá. E ó dicir isto, "vida cristiá", non deberiamos esquecer a primeira palabra: "vida". Porque se hai algo básico na mensaxe cristiá é xustamente, contra non poucos malentendidos históricos, o de "vida". Xesús sempre afirmou e con contundencia que el é a "vida", que el vén darnos vida e vida abonda, que o seu pai Deus non quere saber nada de mortos, porque "para el todos están vivos", etc. De modo que se hai algo, neste sentido, que un cristián nunca debería practicar é unha vida lánguida, apagada, insulsa ou anódina.

Xustamente por iso, porque a "vida" cristiá ha ser vital, plena, afouta e animosa, non lle deberiamos ter medo a renuncias que haxa que practicar ou a cruces que nos carguen sobre os ombreiros cando elas estean en relación co noso compromiso co evanxeo, esa boa nova que intentamos practicar e anunciar. Comportármonos doutro xeito significaría, aínda que non o pareza, térmoslle medo a vivir, a vivir plenamente, aínda que pensemos que si, que queremos vivir. Hai algo fondamente paradoxal, cargado de misterio e de aparente contradición nesta afirmación: "quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen a perda por min, encontraraa".

Certamente, para asumirmos estas palabras e deixar que xermolen de verdade na propia vida, precísanse altas doses de fe e de confianza naquel que as pronunciou e ter ademais moi en conta que para un cristián a vida non remata aquí senón que se prolonga no alén prometido. Testemuñas deste modo de vivir e de finar hainas abondo na historia do cristianismo e de tantas outras persoas que, aínda que non se considerasen a si mesmas cristiás, portaban secretamente, sen elas mesmas sabelo, o lume interior e vital de Xesús. Non se buscaban a si mesmas, senón que axudaban decididamente os demais.

Vivir a fondo, pois, a nosa fe cristiá debería levarnos a adoptar actitudes que estean en consonancia con esta mensaxe cristiá, esixente si, mais cargada de plenitude e de futuro.

Na súa carta ós Romanos pídenos Paulo que "non nos axustemos ó mundo presente". É dicir, que non nos deixemos levar polas proclamas do consumismo (como nos advirte tamén nos nosos días o papa Francisco), da comodidade ou do desinterese egoísta polos problemas e dificultades dos demais. Temos, pois, que ser entusiastas da vida, da vida de todos, aínda que iso supoña termos que levar sobre nós as nosas propias cruces e as que portemos tamén dos demais.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES