Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas e lembranzas. Epistolario con Francisco Fernández del Riego 1059-2007 Neira Vilas (II)

jueves, 21 de septiembre de 2023
Nunha carta de Nadal de 1969 Neira Vilas fai unha defensa ardente das editoras: "Sin empresas editoras, sin imprentas, etc., todo autor enmudecería, ou tería de ir polas feiras a pregoar o seu mensaxe. É de Perogrullo falar da importancia das editoriais no desenvolvemento cultural dun pobo, pero soe esquecerse e hai que repetilo. En infinidade de casos, a editora ten que ir por diante dos autores, e pódese afirmar que sin a primeira non eisistirían os segundos. Coido que na literatura galega deste tempo é ben demostrable eso. Hai probas dabondo".
Cartas e lembranzas. Epistolario con Francisco Fernández del Riego 1059-2007 Neira Vilas (II)
A través da correspondencia ímoslle seguindo o camiño aos libros de Neira Vilas en Galicia, nas diferentes editoras, pero especialmente en Galaxia. A eses libros destinados a adultos e a rapazada, incluso cando informa no momento da creación. Tamén lle seguimos algunha tradución como cando lle informa da versión ao ucraniano de O espantallo amigo en 1972.

Lemos como del Riego fai balance da situación da galeguidade en 1963: "Temos partido case de cero, e hoxe o balance resulta satisfactorio. Conseguíronse, ó meu ver, dúas cousas esenciás: Prestixiar as creaciós culturás na nosa fala, sintonizándoas coa aitualidade, e incorporar á liña defidelidade ó país ás novas xeraciós. E, asimade, merece considerarse o feito de que, frente á tarefa de individualidás sobresaíntes que privou na época da Xeracións Nós, agora prospera o labor en equipo. E todo iso vaise acadando coas dificultás que vostede non descoñece, sin meios económicos, co sioi esforzo duns cantos románticos que suman as súas modestas aportaciós en diñeiro ó traballo material e creador."

Observamos como nace e vai evolucionando a Sección Gallega do Instituto de Literatura y Lingüística de A Habana e como Neira Vilas propón facer intercambios coa Fundación Penzol, de forma que os documentos repetidos podan servir para enriquecer a outra entidade.

No Nadal de 1999 Neira Vilas, unha vez máis recoñece o traballo de Fernández del Riego: "Merecen aplauso o acumulado por ti en tantos anos de intenso e lúcido facer de cara a Galicia, e a doazón xenerosa de todo canto fixeches." En xaneiro do 2003, cando o felicita polo cumpreanos: "Noventa anos, fecundamente vividos, e vividos en función da causa galeguista, son unha boa manda. Galicia débeche moito. Todos che debemos moito."

Ao tempo, non podemos pasar por alto feitos como o premio da Crítica que recibe Neira Vilas e recolle don Paco, no seu nome e o que ao respecto escribe Neira "Este Premio é pra min moi estimulante, e comprométeme a seguir facendo todo o que poida, todo o que dean os meus folgos, pra ben de Galicia". E moito menos, o nomeamento de membro da RAG, daquela Neira confésalle a satisfacción e honra que supoñen para el, promete traballar con toda responsabilidade nas tarefas que se lle encomenden e alégralle moitísimo que a incorporación se produza na presidencia de Fernández del Riego "pola amizade que nos une dende 1954 en que nos coñecimos en Buenos Aires, e porque sinto por ti un grande aprecio e admiración en tódolos ordes: humano, intelectual e de compromiso con Galicia." Da carta enviada á RAG, para comunicar a aceptación de académico podemos recoller: "Acepto compracido e debo dicir que me honra moito este nomeamento, polo que quero expresar á Corporación Académica a miña máis fonda gratitude por tal acordo, ó tempo que me comprometo a cumprir escrupulosamente os fins para os que foi creada e a traballar con rigor e dedicación nas tarefas que se me encomenden, en consonancia coas miñas forzas e posibilidades."

Neira Vilas escríbelle como quen verte as reflexións internas, despois dunha viaxe a Galicia que se lle fixo demasiado pequena confesa: "Eu síntome comprometido de por vida con Galicia, quixera darlle máis ó meu país, aportar un chisco máis, modestamente, ó seu progreso, ó ascenso do seu povo, pero por agora o único son estes modestos libros que veño escribindo. Bo é algo. Polo menos coido aportar unha migalla á presencia do galego escrito, a que haxa máis 'papeles' en galego a disposición do noso púbrico lector. Por este vieiro seguirei, mentras se lean, mentras haxa lectores i editores pra eles" ou a respecto da súa estadía en Cuba: "Estou moi ben en todos os ordes, vencellado a este proceso revolucionario, pleno de humanismo e xustiza social; e de camiño escribindo algo en galego, escribindo adispacio pero todos os días, que é a aneira de ter afiada a ferramenta do idioma. Vivo unindo estes dous amores que son pra mi Galicia e Cuba; levando moi ben esta 'bigamia' entrañable."
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES