Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas e lembranzas. Epistolario con Francisco Fernández del Riego 1059-2007 Neira Vilas (I)

jueves, 14 de septiembre de 2023
Foron tempos de correspondencia. Cartas que atravesaban o océano para xuntar os galeguistas dun e outro lado do Atlántico. Detéñome neste libro e esta correspondencia porque me interesa moito recoller a atmosfera dese intercambio, as palabras exactas e as ideas que ían e viñan.

Neira Vilas escribía moito, non porque lle sobrase tempo senón porque necesitaba Cartas e lembranzas. Epistolario con Francisco Fernández del Riego 1059-2007 Neira Vilas (I)unirse á Terra, sentir o seu latexar a través desas letras que eran lingua pero tamén fíos que tecían a súa relación con Galicia. A maneira de manter a lingua propia. Fernández del Riego escribía menos, seguramente porque ademais de que o seu tempo estaba moi ocupado, porque o seu traballo consistía -en boa medida- en escribir cartas, pero tamén porque tiña menos necesidade de manter a urdime ben atada. Neira pedía e enviaba libros, quería coñecer de primeira man como ía Galaxia, realizaba propostas que lle parecían interesantes para o país... Vexamos algún asunto que nos chama a atención:

Hai un parágrafo no que Neira Vilas define moi ben a Fernández del Riego: "Veño seguindo a túa obra de ordenador, crítico, crarificador, sistematizador da literatura galega; os manuais, as antoloxías, os ensaios diversos (presteille a non sei cantos aquí, e foi motivo do esforzo de moitos por leren en galego, idioma que non conocen, craro, Letras do noso tempo, esa obra estupenda, cunha óptica moi precisa, todo elo nese galego tan ricaz e preciso, que soubeches adecuar moi ben ó ensaio (o mérito dos ensaístas co noso idioma é moito maior que o dos fabuladores; estes somos máis libres, mentras que vos tedes que ceñirvos, cinguirvos a uns termos científicos, o que resulta máis difícil nunha lingoa en proceso de fixación").

Os libros que Neira facía chegar dende o outro lado do mar, dándolle a coñecer Cien años de soledad (Setembro do 68 "Esta novela deu moito que falar en toda América. Aquí a edición esgotouse en dous días -10.000 exemplares-. Dise que nela están presentes tódalas téinicas, tódolos modos; hai realismo, surrealismo, proieción máxica. Aparez lineal, cronolóxica e ó mesmo tempo hai un tratamento deste moi novedoso, con persoaxes intemporales, en fin, de todo. Penso que ha de intresarlle". Ao que del Riego responde en abril do 69 afirmando "Coido que é a novela máis importante que se publicou nos derradeiros tempos" e, en maio, continúa falando dela "De certo que é unha novela impar"), Rayuela ou a poesía de Nicolás Guillén (que lle envía en disco recitada polo autor porque non coñeceu a ninguén que dixese tan ben os seus poemas e da que confesa que Manuel María -ao que tamén llo enviou- que Nicolás non debería publicar libros senón discos). Fernández del Riego solicitáballe tamén libros de ciencia, libros especiais que aquí non se conseguían e que a través de Neira podían chegar, compensando o que dende aquí se enviaba. Moitas veces os envíos tiñan un intermediario, o irmán de Pepe, Jesús, que vivía en Madrid e repartía o que ía chegando, nun esforzo a ter en conta.

Os libros que Fernández del Riego enviaba a Neira Vilas: intentaba todas as publicacións de Galaxia e algunha outra obra que lle demandaba. Un intercambio comercial no que nunca hai problema polo pago, abertos ambos a sumar o que sexa necesario.

Por outra banda, a través das cartas informámonos de cousas das que non tiñamos idea, por exemplo de que moitos dos puros que fumaba don Paco, chegaban dende as mans do amigo, ou que nalgún momento Neira Vilas traduciu Os Eidos ao castelán para publicalos na revista Islas en edición bilingüe; ao respecto, del Riego despois de resaltar a dificultade afirma que "vostede conseguiu todo canto se podía conseguir nese aspecto". Imos seguindo os avatares de Follas Novas (a editora, distribuidora, libraría) que deixaron Pepe e Anisia en Bos Aires, como vai cambiando de donos ao morrer a muller a quen deixaran encargada, imos sabendo o que se vai publicando en Galaxia e o seguimento de revista que fai Neira Vilas: "Nos trece anos que pasaron dende a primeira aparición de Grial, leva pasado tamén moita auga ventureira e moita luz por debaixo, e por derriba, das pontes da nosa cultura, debido principalmente ó esforzo -constante e intelixente- desa querida e prestixiosa entidade." E continúa "Eu non podo -nin quero- ocultar ou deixar de manifestarlles canto ben fan ó meu esprito os logros de Galaxia, presentes en cada novo tíduo, non solo polo que ten de siñificativo e trascendente prá nosa cultura, senón tamén por unha razón, chamémoslle, sentimental. A organización de Follas Novas, á que dedicamos catro anos de trafego intenso, nasceu, senón por iniciativa si co calor da obra de Galaxia cuias ediciós pranteaban a necesidade dunha distribución axeitada neste Continente onde moran tantos galegos".
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES