Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A historia do lobo conchado

viernes, 06 de febrero de 2009

Pasou nas terras do concello lucense de A Pastoriza, concretamente, en Pousada, unha das parroquias que o comprende.

Nestas eidos de A Pastoriza aconteceron e acontecen os feitos máis fermosos que se poidan imaxinar. O maior problema que existe é o de saber contalos ben ao pé nun galego discreto e entendible.

A beleza de A Pastoriza e a inmensidade grandiosa da Terra Chá fai a un atrevido e contador.

A historia ten moito intríngulis e moita ternura e apélase ao lector para que a complete fermosamente, coa súa propia imaxinación.

Foi nos tempos de cando os gavillos do Anano andaron á busca de cartos e de mantementos polas aldeas de A Pastoriza.

Aconteceo cando os gavillos do Anano, e outros que chegaron de moito máis lonxe, quixeron entrar pola forza na parroquia de Pousada sen poder conseguilo. Sempre que o intentaron non foron quen.

O lobo Conchado gardaba as facendas e as casas de Pousada como se se tratase da súa lobeira. Chamábanlle Conchado porque disque lucía unha branca mata de pelo no medio do lombo. Seica era un animal moi bonito e que, cando quería, falaba nun galego claro.

O lobo facía garda día e noite (sobre todo de noite) por todas as corredoiras e pasantías de Pousada e xamais deixou achegarse a estes eidos á gavilla do Anano, nin a esta nin a ningunha outra que o intentou por moitas veces.

O lobo Conchado non facía mal a ningunha persoa nin ó gado da parroquia. Era un verdadeiro e seguro gardán. Aparecía polos atardeceres, polos solpores, e non se ía das terras de Pousada ata os menceres. O lobo Conchado sentíase respectado e aloumiñado pola vecindade e a parroquia de Pousada, por aqueles anos negros do mil setecentos e pico, estaba libre de roubos, de mortes e de latrocinios.

Houbo quen dixo e asegurou que Conchado era o espírito de Mailoc; outros, en fin, que era o da santa Catarina reencarnada en loba fera. Ninguén soubo dicir, polo fixo, se Conchado era lobo ou loba.

Foi certo que, nun día desgraciado, que sempre hai horas retortas, un veciño pouco sabedor, matou a Conchado dun forcadazo.
Ruín ocurrencia.

Dende a morte do Conchado, Pousada coma tantas outras parroquias non foi quen de librarse de roubos e de tropelías dos gavillos, sobre todo nos meses da soldadura, cando non había pan nin costura.

De Conchado só quedou unha pequena peza dun cantar, seguramente algo deturpado pola transmisión oral, pero que aínda conserva algo de músical e un chisco de certa bonitura. Parte do que quedou cántase coa seguinte letra, pero pódese trocar algunha palabra e nada se perderá.



Auuu! Tres veces berrou,
Auuu! Tres veces berrara;
Auuu! Tres ouveos botou
Auuu! Por todo Pousada.

Auuu! Conchado lobeiro,
Auuu! Lobeiro Conchado;
Auuu! Que medo lles deu
Auuu! Que medo lles daba.

Mentras Conchado viviu
Ninguén roubou en Pousada
Mal home quen o matou
Mal día que se matara.

Auuu! Lobeiriño noso,
Da branca estreliña albada.
Moito lle deben facendas
E os veciños de Pousada.

Mal fado quen o matou.
Mal fado quen o matara.
Auuu! Mil centos berrou.
Auuu! Mil centos berrara.

Mentras Conchado viviu
Ninguén roubou en Pousada
Nin morreu xentes, nin gados
De ruín morte matada.

Auuu! Decía o Conchado
E os gavillos non entraban.
Que mágoa, finou Conchado,
Neste anos de desgracia.

Gzlez.Vigo, Marcial
Gzlez.Vigo, Marcial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES