Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fernández del Riego. As súas obras.

jueves, 31 de agosto de 2023
Traballador incansable polo país. É Fernández del Riego un xornalista que publica incansablemente en xornais e revistas. Escritor, especialmente de ensaio, aínda que conta cunha novela, con epistolarios e libros de memorias.

O seu primeiro libro, Cos ollos do noso esprito (1949), ten que ser editado en Arxentina. Verase obrigado a publicar a Historia da literatura galega en castelán (na Fernández del Riego. As súas obras.primeira edición de 1951). Entre as súas obras de divulgación, podemos citar: Escolma de poesía galega: os contemporáneos (v. III, 1955) ou a Escolma de poesía galega: o século XIX (v. IV, 1957), Poesía galega: do dezanove aos continuadores (1976), Poesía galega: do posmodernismo aos novos (1980), Diccionario de escritores en lingua galega, Vocabulario gallego-castellano (1979), A xeración Galaxia (1996), Danzas populares gallegas, Galicia no espello, Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores, Letras do noso tempo, Antolín Faraldo: un precursor, Ánxel Casal e o libro galego, Álvaro Cunqueiro e o seu mundo, Eduardo Blanco Amor. Emigrante e autodidacta. A súa vida literaria, Escritores de Portugal e do Brasil, Luís Seoane desde a memoria,Lourenzá, Vigo sentimental, Palabras a eito, O padre Sarmiento en Galicia,
Con Pondal en Bergantiños, A pesca galega de mar a mar, O señor da Casa Grande de Cima de Vila; Compostela, póla florida... Como antólogo Vicente Risco. Escolma de textos (1981) ou a escolma, en dous volumes, do Pensamento galeguista do XIX e do XX (1983)...

En Narrativa ten O cego de Pumardedón, San Andrés de Teixido (1993) ou o nº 24 dos Contos do Castromil: Na espera do amigo (1994).
Literatura de viaxes como As peregrinacións xacobeas, Galicia, A pegada das viaxes, Portugal norteño, Por terras portuguesas...
Libros de memorias, O río do tempo: Unha historia vivida , Camiño andado (2003),
Diario de guerra (2023), Memorias do París literario (2023).
Epistolarios como Cartas ao meu amigo. Epistolario Mindoniense (con Álvaro Cunqueiro), Un epistolario de Ramón Piñeiro... Se temos en conta quer a correspondencia era esencial nos seus tempos, non debe estrañarnos que as de carballo Calero, as de Rodríguez Lapa ou as de Neira Vilas foran publicadas aínda que non da súa man.
Traduce Grandeza e decadencia do reino de Galicia, do exiliado Emilio González López ou os libros infantís Itawa e As tres laranxas da vida.

A súa sinatura está presente en máis de 150 monografías, traballando como prologuista, editor literario ou tradutor en case un cento de títulos e asinando máis de 4.000 colaboracións en publicacións periódicas.
Escribe cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo (ambos de Arredor de si de Otero Pedrayo), S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín e Salvador Lorenzana o que nos fala da represión nos tempos de Ditadura.

Polo tanto, podemos concluír que é autor de pouca obra de creación pero moito ensaio co que iso significa no sistema literario galego. O ensaio leva consigo a dificultade dun xénero que ten pouca tradición pero que é imprescindible, entre outras cousas para contar da literatura (narrativa, poesía, escolmas, prólogos, crítica, diccionario de escritores, vocabularios...) e a cultura (desa realidade que nos trae e nos rodea na Historia, na pesca, Galaxia, as viaxes, a xente e os movementos que coñeceu, as súas memorias... o vivido) e traducións.
A súa é unha vida de activista da idea de Galicia, de entrega e xenerosidade ao servizo do común e do país, da reconstrución dunha identidade que escachara o fascio e dunha lingua prohibida e máis tarde minorizada. Publica primeiro nas editoras do exilio e máis tarde faino en Galicia (primeiro en castelán, por exemplo esa Historia da literatura galega); publica en Galaxia (a editora que creou) ata que ten que facelo noutras e faino sen problema. Un home que traballa na sombra, que achega ideas aos demais (suxírelle a Celso Emilio Ferreiro o título de Longa noite de pedra para o seu libro co que isto supón de repercusión ao asumirse para definir unha época) e fai que os demais creen e publiquen, como é o caso de Cunqueiro ao que recupera para as letras galegas nos anos cincuenta cunha magnífica poesía e a narrativa de primeiro nivel (Merlín e familia, As crónicas do sochantre, Escola de menciñeiros, Si o vello Sinbad volvese ás illas…, Xente de aquí e de acolá ou Os outros feirantes) que nos facían merecedores dun Nóbel galego.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES