Así foi definido polos seus biógrafos: optimista porque a pesares das dificultades era quen de recomezar unha e outra vez, radical porque esa era a súa ideoloxía asumindo a alternativa cultural porque non había outra posibilidade pero contundente na defensa do valor do galego para todo tipo de usos como demostrou publicando a Revista de Economía de Galicia en Galaxia. Rotundo na definición de escritores galegos só aqueles

que o fan en galego, non os que nacen en Galicia e utilizan o castelán, porque é a lingua a que enmarca a literatura non o lugar de procedencia; trátase dunha literatura de nación co idioma como trazo distintivo da súa conformación.
Categórico nos discursos de defensa do galego na universidade ou do Estatuto ao lado de Castelao e Alexandre Bóveda, no traballo en Galeusca, na clandestinidade emitindo na BBC (ao longo de 9 anos e 83 programas, a lingua galega perseguida no propio país, puido escoitarse a través de Londres) e nas reunións para a creación de estruturas non legalizadas. Radical tendendo pontes co exilio (ata o punto de que nalgún momento entre o galeguismo foi considerado ministro de asuntos exteriores) e nas declaracións: "Galicia é hoxe un territorio escravo. Un territorio sen alma, colonizado polos criados dos políticos centralistas", "Galicia non deixaba de existir. Escribir viña se-la maneira de se manifestar. Dicir que se estaba aí, contar que se vivía", Afirma: "Queimamos as nosas vidas en defender a cultura do país. Agora outros recollen ese testigo e transfórmana conforme os tempos, pero nós permitimos conservar esas raíces soterradas e perseguidas". Eles fixérono sen buscar recompensa, sen intereses económicos ou de prestixio, é posible que os seguintes se moveran xa dende outros parámetros. A súa xenerosidade chega ata a doazón de toda a súa colección bibliográfica e artística á cidade de Vigo.
Comprometido, construíndo o tecido asociativo (dise que Galaxia foi a fundación dun soño, a reconstrución interna do país) e as iniciativas culturais que sostiveron a memoria do que foi. Un home con sentido histórico e de posterioridade, consciente de cada paso que daba e do seu significado para o futuro. Cando instaura as Letras Galegas fala da festa do libro galego, e pensa na necesidade de que se celebre nas escolas.
Del, di Risco "Vostede é un home multiplicado pola unidade seguida de ceros. É magnífico." Un exemplo modélico de entrega e xenerosidade. Unha maneira calada de estar no centro da cultura galega, pois tamén foron el e Otero Pedrayo os que recolleron a terra galega que enviaron para enterrar a Castelao, el o que converte a RAG na Casa da Lingua e da Cultura do país. Ábrelle a RAG aos que defenden a lingua sen mirar a ideoloxía, tendo unicamente en conta, como no caso de Ferrín, que se trata dunha vida de entrega e dignificación da lingua e a cultura: "Eu abrinlle as portas da Academia porque non se pode politizar a cultura galega de maneira fanática, sectaria, iso non se pode facer".
Traballador constante e infatigable, chega a afirmar: "Eu miro para atrás e digo: é inconcibible que fixeramos iso nós sen cartos, uns rapaces sen prestixio especial, perseguidos politicamente, vixiados pola censura, un milagro!".
Un home coherente: "Satisfeito pola coherencia, traballei no que podía, nunca traizoei o camiño e nunca me beneficie del", "O traballo foi o que me salvou, porque fun activo toda a miña vida, todo o que había non pagado, todos os cargos honoríficos téñoos eu".
Del, afirma Darío Xohán Cabana: "Foi por moitos aspectos esenciais un dos homes máis importantes da historia de Galicia da segunda metade do século XX: sen el, sen o bon don Paco, nin vos nin eu estaríamos hoxe aquí, nin Cunqueiro sería Cunqueiro, nin Galicia sería esto que aínda segue sendo e resistindo contra os seus inimigos, entre os cales os peores son algúns dos seus fillos."