Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fame de libros

lunes, 21 de agosto de 2023
Domingo García-Sabell defendeu nalgún dos seus ensaios sobre o home galego enfermo que en Galicia conservamos durante moito tempo, ignoro se aínda hoxe, a memoria da fame. Para el, boa parte das enchentes pantagruélicas nos días de festa, ou problemas como o da obesidade debíanse a esta lembranza dos duros anos da posguerra, nos que o pan e os alimentos básicos escaseaban. Meus avós contaban que nas aldeas, sobre todo da costa, a xente defendeuse algo mellor porque o peixe era abundante e cadaquén tiña predios nos que plantar millo e patacas. Así e todo, a xente pedíalle a Deus que nunca volveran aqueles anos.

Eu coñecín e tratei con certa intimidade a Xaime Isla Couto, intelectual galeguista da Xeración Galaxia, ao que sempre vin rodeados de libros. Xaime contoume, non sen certa rexouba, que, sendo xa un mozo universitario, seu pai apiadouse del e díxolle: "Meu fillo: ti sempre serás un burro cargado de libros". O certo é que Xaime Isla deixou como legado varias bibliotecas e leu incesantemente, sobre todo a partir da súa xubilación, como se non houbese un mañá.

Identifícome plenamente con don Xaime nesta teima polos libros e teño para min que esta obsesión por eles débese á memoria da fame de libros que pasei nos primeiros anos da miña instrución escolar. Ingresei na escola no ano 1969 e tardei varios anos en ter libros en propiedade. O libro era daquela un artigo de luxo. Había un dicionario na escola que consultaba de cando en vez o profesor e cos anos tiven en propiedade os volumes da Enciclopedia Álvarez, editada por Miñón. Creo que xa lles contei algunha vez que o terceiro grao da Enciclopedia, adquirino ilegalmente, cambiándollo a un compañeiro ao que non lle interesaban os estudos por unhas luvas de coiro para xogar ao fútbol de porteiro que atopei pola casa.

De momento, leo sobre todo libros de filosofía, mais soño con volver, nos anos dourados da xubilación, á lectura das obras literarias, que tanto gorentei na miña mocidade, se Deus me da vida, claro está.

Marcelino Agís Villaverde, Catedrático de Filosofía.
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES