No Día da Galicia mártir e espertamos cunha nova ausencia no corazón, a que deixa o poeta de Monforte Xosé Antón Fernández Abella. Home de voz rexa e de corazón humilde. Dos que sempre levaron nunha man a fouce e noutra man a oliva. Intolerante coas inxustizas e azoute do poder que se desfacía en tenrura onde a necesidade se facía carne. Alí habitaba cada verso de Abella que, na súa voz, soaba a máis bela das

revolucións, anegaba todo e Outeiro era por el o latexo máis grande de Galicia.
Sempre palabras de amor, sempre ánimo, sempre bogando da utopía que por ti se fai verso.
Boa viaxe, meu amigo e saúda aos nosos nese ceo branco e azul que xa te acolle.
Con mans de lenzo e solidariedade
te reciban en vitorias obreiras.
Rexo poeta, vencido en dez mil xeiras,
vencedor será sempre en liberdade.
Abella mestre de verbas certeiras:
hoxe mil pombas de fraternidade
procuran, no teu verso, dignidade
que ti sementaches nas túas leiras.
Agora que te vas, amigo ledo,
escribo ceibe porque dáme a gana,
que grazas a ti sei vencer o medo
farei versos que dean na diana
para berrar o teu nome ben cedo
en libre alborada republicana.
Día da Galiza mártir, 2023.