Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Raíces e Réquiems (7)

lunes, 11 de septiembre de 2023
Réquiem pola cuartilla

Mentres fun un catavís
-e un mozote tamén-
tódolos meus escritos
foron postos en cuartillas.

Pero nos primeiros anos setenta
a cuartilla morreu de morte repentina.

E morreu sen pena nin gloria.
Morreu sen sacramentos.
Sen cura nin confesor.
E foise pró máis aló sen poderse despedir.

Pobre cuartilla!
Así foi tratada despois de prestar
tan solemnes e saborosos servizos.

Foi asasinada polo folio
quen, deseguido, sentouse no seu trono.

Ninguén a velou.
Ninguén chorou por ela.
Ninguén organizou un funeral.
Ninguén rezou unha oración.
Ninguén pronunciou un sermón.
Non acudiu ningunha carpideira.
Non houbo un triste velorio.
Ningún crego dixo misa.

A cuartilla foi
a amante fiel e o soporte seguro
das miñas cartas,
das miñas penas,
dos meus apuntamentos na clase,
dos esquemas das miñas charlas,
dos meus traballos académicos,
de todo aquilo que puxen nela
co lapis,
coa pluma,
co boli.

Eu quero facerlle hoxe un funeral.
Con corenta curas, se é posible.
Mellor dito... se é que os hai.

Eu sei moi ben
que a cuartilla está no ceo do papel
descansando do duro traballo
de ter que aguantar as nosas estupideces.

Eu sei que está no ceo do papel
gardando con celo e agarimo
as marabillas e as parvadas
que nela puxemos.
Da lírica e da prosa.
Da boa e da mala letra.
Dos nosos garabatos.
Do noso bo escribir.
Das nosas faltas de ortografía.

En calquera caso,
ten moi ben gañado
un recordo e un respecto.
E ben se merece un solemne funeral.

Pola miña parte,
eu xa me poño a buscar
corenta cregos.
Se é que quedan.

Requiescat in pace.
Silva, Manuel
Silva, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES