Raíces e Réquiems (6)
Silva, Manuel - lunes, 04 de septiembre de 2023
Réquiem polo carro
Morreu o carro.
Matouno o tractor.
(O aradicida convertido agora en carricida).
Inda hoxe choro e levo luto por el.
Nas nosas aldeas,
o carro transportou cousas moi diversas.
O seu motor eran as pobres vacas,
ás que, ademais de pedirlles leite e xatos,
tamén lles poñiamos o xugo
pra que tiraran do carro.
E as autopistas polas que circulou
sempre foron as corredoiras cheas de lama.
Con moita morriña,
inda hoxe me paro a pensar
nas súas rodas,
nas canizas,
na cabezalla,
no xugo,
na chavella,
nos fungueiros...
O bo do carro
levou a cabo tarefas esenciais
nas nosas fermosas, pero atrasadas aldeas:
Carrexou pacientemente e con pachorra
-e ardéndolle o eixe-
estrume, toxos e follas
prá corte das vacas e pró cortello dos porcos.
Carrexou pólas
dos eucaliptos, carballos e piñeiros
pra facer a comida na lareira da cociña
e pra quentarnos no inverno.
Carrexou os mollos
dende as leiras ata a eira
pra facer a meda e despois a malla.
Carrexou o esterco
da corte das vacas e dos porcos
ata as leiras coa fin de estercalas
antes de sementar.
Carrexou dende os prados ata a casa
a herba seca
que comerían as vacas ó longo do inverno.
E, agora...
O carro morreu
porque o matou o tractor.
Subiu, ardendo, ó ceo.
O mesmo có carro de lume
que arrebatou ó profeta Elías.
Que Deus te teña na súa gloria,
carro querido!
E que Manolo Escobar,
-unha vez que te encontre no ceo-
te coide e te conserve.
Amén.

Silva, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora