A literatura de Cunqueiro dentro da literatura de Xulio Xiz
O grande home da escrita e da cultura luguesa, por demais, Valuro, que posúe o don da ubicuidade que, a ben seguro, lle vén por iso de ser Valuro e, digo isto, porque o podemos atopar en varios actos culturais, case ao mesmo tempo, e por se isto fose pouco, en varios lugares da xeografía galega, naturalmente estamos a nos referir a Xulio Xiz, escritor e xornalista que posiblemente teña un pacto con Merlín, ese mago lendario, mentor e conselleiro do rei Arturo e tamén o mago máis poderoso porque, como Xulio Xiz, podía cambiar de forma e facerse invisíbel, de aí lle virá a Xulio ese don, non só da ubicuidade, da bondade e da sabedoría, senón tamén da mestría e habelencia que manifesta nos gustos pola poesía e pola literatura porque recrea ao mesmo Álvaro Cunqueiro nas "Crónicas das San Lucas" e no artigo "Felipe de Francos con Cunqueiro nas San Lucas" de Mondoñedo.
Comeza o escritor cun imperfecto temporal, desta maneira:
"Eran os días das San Lucas cando Felipe, da casa de Francos, chegou a Mondoñedo. Felipe era un rapaz da Valuria, que cadra por Castro de Rei da Terra Chá. Orfo de pai e
nai desde non sabía cando..."
Continúa o relato de Cunqueiro recreando o conto do mesmísimo Cunqueiro "A chaqueta do mouro", e creando un novo personaxe, concretamente faille nacer un fillo a Felipe de Francos, que se chama coma el, por iso de que os fillos levan o mesmo nome cos pais e o mesmo primeiro apelido, aquelo que os latinos chamaban "prenomen e nomen". Tanto o fillo coma o pai viven en Goberno, parroquia de Castro de Rei, pero o fillo, xa que logo, pertence a unha nova xeración, sendo un "rapaz da Valuria" que herdara "unha protección de non sabía quen", mais que se irá desentrañando ao longo do conto.
A protección consistía en que cando algo precisaba o fillo "ese algo aparecía na súa casa, fose comida, diñeiro, ouro!". Continúa o autor incidindo nunha peculiaridade propia dos Valuros porque... "Os antepasados valuros atoparon a maxia precisa para protexer á súa xente no futuro... e debía ser o único home do mundo que desfrutaba dunha situación tan privilexiada".
Mais estamos todos á espera para descubrir as razóns desta singularidade que pon en relación o artigo de Cunqueiro, relativo ao seu pai, co artigo de Xulio, relativo ao seu fillo, rapaz que conservaba como herdanza un fardelo de papeis e libros que nos van dando a chegada ao que queremos desentreteñar, e é o feito de que na saqueta había moitos libros, mais todos eles eran o mesmo libro de Cunqueiro: "Xente de aquí e de acolá".
Ao ler o libro, Felipe de Francos, fillo, atopa o capítulo "A chaqueta do mouro" e ao lelo dáse conta de que seu pai chegou a ter vestida a chaqueta de ouro, que tiña propiedades máxicas, porque lla deixara poñer o mouro e posiblemente por iso herdara esa protección da que antes falamos.
Despois de tales sabedorías "coidou Felipe que era momento de saber da súa procedencia", pois el quedou orfo de moi novo e se por casualidade encontrara a Cunqueiro, poderíao informar da súa procedencia, e meu dito, meu feito; botouse á estrada que pasa por Abadín para Mondoñedo para saber das súas raizames e ao chegar atopou a Cunqueiro na praza da catedral e saudouno cun "Boas noites", mais Cunqueiro non respostou, arrimouse a el, semellaba feito de ferro e pensou Felipe que seguramente o mouro se decatara da súa presenza e se volvera de bronce pola súa culpa e a súa imprudencia, máis continúa Xulio e remata o conto desta maneira: "o mouro-valuro, sen dúbida non o castigou senón que seguiu atendendo de por vida todas as súas necesidades materiais".
Estamos diante da "literatura dentro da literatura"; é dicir, Cunqueiro crea a historia de Felipe de Francos e Xulio Xiz recrea a historia de Cunqueiro e crea a outra historia relativa ao fillo, co mesmo nome ca o pai, baseándose en todos os contidos cunqueiranos e ampliando o abano noutra historia totalmente nova, pero que entra na literatura cunqueirana e sáese fóra dela pola nova creación que xorde da re-creación do fillo, seguidor da historia e fío condutor, que por unha banda colle beberaxe de Cunqueiro e por outra aparece como unha nova bebida que nos deixa un padal a viño novo e a tarta de Mondoñedo, que para degustalos non nos queda outro remedio máis que ler o artigo.
Salve Valuria!
Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela
NOTAS:
CUNQUEIRO, Álvaro.- (1981) Xende de aquí e de acolá, Editorial Galaxia, 3ªedic. Vigo, páxs. 59-62
XIZ, Xulio.- Crónicas das San Lucas. (2015.2020) VV.AA. Biblioteca Virtual de Galicia Digital.
XIZ, Xulio.- La Voz de Galicia. Edición da Mariña. Domingo 12-3-2023