Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (74)

viernes, 01 de septiembre de 2023
A ínclita "Argos Divina" tratando de "Veria"

Argos Divina é unha obra moi especial, que debía estar en todas as escolas luguesas, como di José de Cora, ou aínda o "vello profesor", José Filgueira Valverde, dáballe o sobrenome de alfaia e nós alcumámola como obra de valor incalculable para a nosa historia luguesa, un tesouro que bebe nos elixires e na menciña líquida da historia máis anterga do noso Lugo barroco do 1700 e que o cóengo Juan Pallares Gayoso, autor deste "tesaurus" titula Argos Divina, palabra, a primeira, que procede do grego "argos" A misteriosa e incógnita Valura (74)co significado de "brillante, escintilante, coruscante"; aínda que ao lado da "Nosa Señora dos Ollos Grandes" estaría referido a "Argos Panaptes", ou iso cremos, por ser o "Argos que todo o ve" ou o "Argos de todos os ollos", que era un xigante que servía como pastor e vixiante da vaca "Ío" nas Metamorfoses de Ovidio.
O libro conta, ao longo dos seus episodios, chamados capítulos, a historia de Lugo e da súa catedral desde a chegada do cristianismo ata o século XVII. O seu título completo apártase da sinxeleza, simplicidade e minimalismo dos títulos actuais para converterse nunha especie de resumo dos contidos dos que trata e fai gala dos amplos títulos barrocos da maneira que segue: Argos Divina Sancta Maria de Lugo de los Ojos Grandes, fundaciòn y grandezas de su Iglesia, Sanctos naturales, reliquias y venerables varones de su ciudad y obispado, obispos y arzobispos que en todos imperios la governaron.
Trátase dunha obra póstuma e moi peculiar do clérigo Juan Pallares Gayoso, que vive entre 1614 e 1668, aparecendo a súa obra publicada 32 anos despois do seu pasamento, concretamente no Santiago do 1700.
A nós interésanos o Capítulo IV alusivo a "EL APOSTOL SANTIAGO PREDICO POR SU PERSONA EN LA CIUDAD DE LUGO."
O autor explícanos que Santiago non soamente veu a España senón que tamén foi o primeiro que predicou aos xentís españois... "conque se prueba su venida a España, especialmente se entienden de Galicia, fin de la tierra, por ser la parte occidental de España, como dizen Calixto II. Lorino, y otros que juntò Ximenez, y por esta razon llamò S. Matheo hijo del trueno, resonar en los fines de la tierra el rompimiento del raio, que es el Evangelio, segùn S. Lucas, lo cual se verificò en Galicia fin de la tierra. Y lo que mas la ilustra es aver sido la primera Provincia, y el primer Reino, que recibiò la fe de Christo"...
Observamos como se continúa coa idea do Occidente reflectida cos Oestrymnios e coa significación de Oeste-Extremo (Oestrymnio) en grego que foi suplido posteriormente polo seu homólogo latino Finis-Terrae co que se emprega unha metáfora de Santiago como "fillo do trono" porque no noso reino séntese resoar "...el rompimiento del raio, que es el Evangelio" e resoar na fin da terra coñecida, Galicia, primeiro reino que se cristianiza, para logo darnos as razóns en que se fundamenta para afirmalo "...cuia certeza se funda en aver sido de las (ciudades) mas populosas, y de las mas principales de España, segun Lucio Marineo Siculo."
Este dato, que se nos dá, de ser a máis poboada, non contradí que a día de hoxe (1700) se atope tan despoboada (Lugo) polas ruínas do tempo, os cercos que padeceu "... y guerras a que asistieron sus naturales, y vezinos dentro, y fuera de su patria", cousa que xamais nos agradeceu Castela, a non ser para tratarnos peor ao longo dos séculos e ao longo da súa historia porque parece que a historia de España sexa exclusivamente a historia de Castela.
E dirán os que ata aquí chegaron lendo, e que ten que ver isto cos Valuros? Sigamos con Pallares Gayoso para pescudalo "... Llenas están las historias sagradas, y profanas de muchas Ciudades mui populosas reducidas las unas à mui limitada vecindad, y habitación, y las otras lo perdieron todo, sin permanecer piedra sobre piedra."
Posteriormente vai citando o autor as cidades desaparecidas e achamos "... En Galicia falta la ciudad de Duio, ò Dugio, no lexos del gran templo de Ara Solis, según Calisto II", do que se conta na tradición que os romanos encontraron un altar dedicado ao sol (Ara Solis), construído en Finisterre polos fenicios e que o apóstolo Santiago mandou destruír. Prosegue o autor comentando a desaparición doutras cidades "... De la ciudad de Citania quatro leguas de Celanova, solo descubriò ruinas D. Mauro Ferrer. La de Calcedonia en los fines de Galicia... la sepultò el tiempo, como sepultò a Tyde, distinta de la de Tui... Iria Flavia tuvo una legua de largo, y media de ancho."
Como vemos, o autor, para xustificar o poboamento de Lugo desde tempos romanos apela á desaparición doutras cidades como foron: Duio ou Dugio, Citania, Calcedonia, Tyde e a mesma Iria Flavia para recordarnos a posteriori, tamén, da presenza dunha cidade Valura desaparecida e que na súa prosa nos lembra a Jorge Manrique cando continúa "...Y donde està la ciudad de Lamas de Aguar no muchas leguas de esta ciudad?".
Estase a referir a Lamas de Goá, unha cidade Valura da que "... entre otros hace memoria Pedro Gonzalez de Villagormar" no seu manuscrito de liñaxes de Galicia; do devandito persoeiro só puidemos albiscar que se acha enterrado na capela dedicada a Nosa Señora da Concepción do convento de san Francisco de Ribadeo e que fixo testamento en 1631.
Continúa o autor dicindo que lle falta por saber se esta cidade corresponde coa cidade de Veria e nós teriamos que dicirlle que, efectivamente corresponde, pois ao longo da historia tivo moitos nomes, como poden ser os de: Veria, Verial, Valverde, Malverde, Vilaverde, Navalverde, Lamas de Goá -que neste caso lle chaman Lamas de Aguar-, Santa Cristina ou Santa Cristina de Veria, etc.
Segue Argos Divina comentando o asolagamento da cidade da que falan dous bispos ourensáns, concretamente Servando e Seguino, cando tratan do escudo e liñaxe do apelido Saavedra, "... no sé si fue esta la Ciudad de Veria, que refieren los obispos de Orense, Servando, y Seguino tratando del linage de los Saavedras, y dizen se hundiò adonde estava el Idolo Baal, y montañas Baluras"...
Resumindo: Nesta obra maniféstanse a cidade de Veria e as montañas Valuras como pretexto para explicitar por que en Lugo predicou o apóstolo Santiago debido ao feito de que na época era unha gran cidade, aínda que no 1700 tivese poucos habitantes e incluso, moitas destas cidades desaparecesen, como ocorreu coa de Veria, rematando o capítulo da seguinte maneira "...y basten los referidos para que no se haga argumento de lo que es, à lo que fue la Ciudad de Lugo, sirviendo de desengaño, y catòlico conocimiento de lo que son las grandezas humanas”.
Salve Valuria!

Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela

NOTAS:
OVIDIO.- Metamorfosis I, 625.
PALLARES GAYOSO, Juan.- Argos Divina. Primera historia barroca de Lugo. Ed. Alvarellos. Páxs 34-37.
RUDESINDUS, miscelánea de arte e cultura. 11/2018. Páx, 105
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES