Salgueiros que asubían
Cabada Castro, Manuel - jueves, 17 de agosto de 2023
A Pepe
Á beira dos ríos de Babel
sentabámonos e chorabamos,
lembrándonos de Sión.
Nos salgueiros das ribeiras
penduramos as cítolas.
Dixo o neno "faime un chifre"
e eu alá marchei correndo.
Case a catro pés vos fun
entre veigas e recendos.
Todos nós aprenderamos
a facer chirlantes chifres
coa galla dun salgueiro
e facíanse nun intre.
A presenza dos salgueiros
évos festa de ledicias.
Enchen eles os regueiros
sombreando as augas miñas.
Miñas son e mais das troitas,
as que agardan o saltón
que alí cae en brinco audaz
ou prendido no anzol.
O regueiro é cantareiro,
fala e canta no agachado,
á sombra da serpe verde
que o recobre no seu paso.
Ó pé de árbores benditas,
de abeneiros e salgueiros,
flúe a vida, a miña, a deles.
Somos todos viaxeiros.
Alí moran canto e vida,
mais o chifre onde está?
Só a navalla, irmá da auga,
de atopalo foi capaz.
Tona e cerne traballando
da galla daquel salgueiro
fixo Pepe coa navalla
un chirlante chifre e ledo.
Canta ou chora agora o chifre,
acompáñano os pimpíns,
os pequechos e os grandeiros.
Cada quen éche feliz.
Salta ó ar a sutil troita,
múa a vaca en Su a Vila,
chouta o año no Batán.
Todo o orbe évos ledicia!
Canta, amigo, canta chifre!
Prefírote ós asubíos
da má serpe e velenosa.
Do teu fado só me fío!

Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora