Vïmonos hai días; el cara unha pausa de café; eu facendo camiño. Sempre, un sorriso. E este luns, coma un lóstrego, a nova da súa morte.

Sempre me sorprenden os amigos que se me van sendo máis novos; neste caso, case vinte anos. Seijo disimulábao coa barba e as canas, con horas e anos de traballo, con entusiasmo e dedicación, logrando parecer maior do que era. Estaba en todo e, polo tanto, sabía de todo; axudaba a todo.
Eu sei ben que o micrófono crea adicción insuperable por ser a conexión directa entre o mundo real e o posible; é un ser vivo que como calquera planta ten raiz, talo e follas intanxibles para absorber do profundo a esencia, ampliala e transformala en enerxía no talo e espallala polas follas nunha incrible función benéfica, salvífica, libertaria
Pero o micrófono, para estar vivo. necesita a enerxía vital de devotos que saben da súa función social salvadora. E esíxelles devoción infinita. Os tópicos falan de morrer "coas botas postas" ou "ao pé do cañón". E ás veces comprobamos que non só poden ser verdade, senón que son exemplo vital e puntos de referencia.
Estou certo que se Pepe puidese elixir momento de ascender ao destino das almas boas, escollería o locutorio de directo de Radio Lugo, aillado polos auriculares, empuñando un micrófono por se precisaba agarrar algo coa forza da vida.
E un que respecta ao micrófono como poucas cousas materiais deste mundo chora ( e admira, envexa e aplaude) ao compañeiro que se nos foi cedo, ao mencer, madrugando para entrar no alén dando novas ledas dos que aquí quedamos; para comprobar que como dicía Díaz Castro "Deus da boa fada aos ollos namorados que chegaron abertos ás portas do mencer".