Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un Deus tranquilo e bondadoso

domingo, 13 de agosto de 2023
O texto do evanxeo continúa o relato do domingo pasado, que versaba sobre o relato da multiplicación dos bolos de pan e dos peixes. Terra e mar están aquí presentes: pan e peixes; lanchas e tractores de mariñeiros e labregos.

Xesús dá primeiro de comer á xente. Aténdeos persoalmente con xenerosidade e despídeos con agarimo. Entrementres ós discípulos ordénalles iren para a outra banda do mar. Só despois irá ó monte a falar con seu Pai a soas, ó anoitecer, por máis que el estaba xa sempre na presenza do Pai, practicando, como guía e modelo para os futuros monxes, aquilo de "ora et labora", "reza e traballa".

Toda a súa vida é o resultado do seu íntimo, amoroso e confiado trato con quen era o seu Pai. Mais seu Pai érao para el dun xeito especial, único. El amosouse a nós como o verdadeiro Fillo de Deus. De maneira distinta a como somos tamén nós, grazas a el, fillos de Deus. El era o seu Fillo único, divino, da mesma natureza có seu Pai Deus, portador dos mesmos atributos divinos có seu Pai. Por iso se expresaba distinguindo: "O meu Pai e o voso Pai". Deus Pai era e é pai de Xesús e noso tamén. De maneira distinta, aínda que verdadeira en ámbolos dous casos.

Os apóstolos van aprendendo pouco a pouco a velo así, por máis que el estaba interesado de maneira especial en Pedro, a quen vai poñer ó temón da incipiente igrexa. El ten que aprender a ter plena confianza no seu Mestre, posuidor de todo poder. Un poder igual ó do Pai. Un poder que lle pode a calquera ameaza. O mar foi sempre símbolo e paradigma dos medos, dos abismos perigosos, do descoñecido que ameaza, dos monstros, das tebras que non deixan entrar nelas luz ou claridade.

A vida non é sempre un pasear nun xardín de rosas. Dende que un bo día empezamos a respirar os airiños deste mundo ata que deixemos de facelo, a nosa vida pasa por angustias, pequenos ou grandes fracasos, proxectos que non chegan ó fin desexado etc. Mais velaí que Xesús, nome que por algo quere dicir xustamente "Salvador", vén na nosa axuda, para nos dar confianza en canto facemos. El está sempre aí pra nos botar unha man, tal e como fixo con Pedro.

Como cristiáns temos que aprender a confiar no noso Mestre, pos el é todo poder e amor. E practica iso, por máis que exerza o seu poder e o seu amor de modos inesperados e insospeitados. El non é unha pantasma. As pantasmas só producen medo ou espanto. Mais nin Deus nin o seu Fillo están aí para nos asustar, angustiar ou aterrar. Todo o contrario. O seu Mestre non lle presenta razóns a Pedro para que deixe de ter medo a andar sobre as augas. Simplemente fai referencia a si mesmo, presentándose como quen verdadeiramente é. Aquel que ten todo o poder e todo o amor para os poñer á nosa disposición. Conténtase con lles dicir ós discípulos e a un temeroso Pedro: "Tranquilos, que son eu". Un "son eu" que nos fai lembrar o "Eu son Iavé", o "Eu son o que son" do nome co que xa se manifestara o Deus do Antigo Testamento. Estamos, pois, ante un Deus que é poderoso, bondadoso e pacífico.

É significativo que neste domingo, no que Xesús se presenta como poderoso e pacífico contra ameazas de calquera signo, se nos fale na primeira Lectura do Antigo Testamento do marabilloso encontro de Elías no monte con Deus. Tamén aquí Elías aprende a ver a Deus relacionado non co "rexo furacán", co "tremor da terra" ou co "gran lume". Uns fenómenos que se poden comparar coas ondas que proviñan do forte vento do mar e que sacudían a pequena barca dos discípulos de Xesús.

Sobre tales fenómenos dísenos no libro dos Reis que neles, é dicir, no furacán, no tremor de terra ou no gran lume, "non estaba o Señor". Si estaba, en troques, o Señor no case imperceptíbel "murmurio dunha airexa", semellante a esa suave brisa no anoitecer que ás veces nos vén de cara ó mar despois dun solpor de verán.

Deus é, pois, pacífico. E dicir, facedor e promotor de paz e non quere que nos angustiemos cos acontecementos que ocorren nas nosas vidas. Porque Deus é meirande en poder e en amor que calquera ameaza ou desgraza. Teño sempre presente na lembranza un dito que lle oín hai moitos anos a un excelente director espiritual: "Todo o que angustia –dicía el- vén do dem". Sempre me fixeron moito ben estas palabras. Con isto o que aquel mestre espiritual quería indicar é, tal como acabo de comentar, que Deus non está aí para nos angustiar ou meter medo. Polo contrario, el está aí sempre para nos dar confianza e ánimo: "Tranquilos, que son eu".

O mundo, tamén e de maneira especial o noso mundo actual, precisa de xentes que dean bo ánimo e "tranquilidade" a persoas con medos, con dúbidas ou con pouca esperanza. Estamos chamados a lles dicir coas nosas palabras e co noso comportamento: Tranquilos, que Xesús segue a ser tamén hoxe salvador e dador de paz, de tranquilidade, de alegría, tal e como nos vén repetindo unha e outra vez -tamén nestes días- o papa Francisco.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES