Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A catedral mindoniense e a degolación do Mariscal

lunes, 14 de agosto de 2023
Don Pedro Pardo de Cela foi Encomendeiro do Bispado mindoniense e como tal, tiña o encargo de protexer e administrar xustiza nos dominios do Bispado cando era requerido para iso. Casou en Mondoñedo con dona Isabel de Castro, prima irmá do bispo don Enríquez de Castro. A súa vida, pois, estivo moi vencellada ao Bispado mindoniense, e a súa morte, aínda máis, pois foi soterrado na catedral. Recórdese ademais que foi collido en Castrodouro, na casa de Afonso Yáñez, secretario do bispo mindoniense e aos dez días en Mondoñedo, saía da casa doutro cóengo catedralicio, Fernán Balea –despois de asinar un testamento e codicilo cheos de bens ecresiásticos–, para ser degolado públicamente. Como vemos, pois, o último mes da súa existencia a igrexa andou cociñando a súa vida. Mais os cóengos non contaron con que, ao pouco tempo de cortarlle o pescozo, aos ollos do pobo, converteuse en mito. O pranto da Frouseira así nolo testemuña. A loita e resistencia na Frouseira contra as tropas dos Reis Católicos; a traizón dos criados na pena roqueira e de Afonso Yáñez na súa casa, onde o colleron, así como o feito de telo preso os tres últimos días na casa doutro cóengo para facerse cos bens que lle levaba ao Bispado, fixeron del un referente de loita e resistencia ante un pobo que estaba afogado por rentas, foros e dezmos ecresiásticos. Esta pequena lembranza da súa vida ven a conto porque me chamaron varios amigos, que viñeron a visitar a tumba do Mariscal, e as guías turísticas da catedral non din nada sobre Pardo de Cela. Nin pío, como se non esistira. Ata cando señor Bispo, Deán e Cabido mindoniense? Ata cando tanto silencio? Non chega con que apenas haxa documentos no Arquivo catedralicio? O traslado da lápida do lugar onde estaba soterrado foi un último intento de borrar a relación do Mariscal coa Sé mindoniense? Por certo, non estaría mal que no entorno da lápida, onde agora se encontra, se lle puxera a lenda que lle corresponde: "Esta é a lápida de Pardo de Cela, que estaba no altar maior á dereita do evanxeo", os que lemos os evanxeos sabemos ben deste lugar. Con este novo Bispo, Deán e Cabido mindoniense é tempo de que reconozan a importancia da figura histórica do Mariscal. Galiza desde fai séculos o ven facendo poñendo o seu nome a algunha das rúas dos seos concellos, así as catro provincias galegas teñen unha rúa co nome do Mariscal e, por suposto, Mondoñedo, Foz, O Valadouro... Pedimos polo tanto que non seña menos o Bispado mindoniense e que nas guías turísticas da catedral se diga quen foi o Mariscal e onde está soterrado. E ao mellor paran de aparecer eses dous fantasmas que, de cando en vez, recorren a Sé, que o fan para recordar o que o Bispado ten calado. E seguirán aparecendo mentres o Bispado siga calado.
Meilán García, Antón X.
Meilán García, Antón X.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES