Os fantasmas da catedral mindoniense
Meilán García, Antón X. - miércoles, 09 de agosto de 2023
Estes días nos xornais da provincia acaba de saír unha noticia de que unhos visitantes da catedral de Mondoñedo viron pasear por ela a un par de fantasmas. Esta visión xa sucedeu máis dunha vez e repítese de tempo en tempo. Uns dicen que son un par de monxes e outros que son o mariscal Pardo de Cela e o fillo. Na cidade non hai discusión sobre se se trata de monxes ou deses nobres señoriais que lles segaron as cabezas diante a sé mindoniense e despois "sepultaronos junto a o Pulpito do Evangeo, e porta da Capela mor da Catredal, con grande autoridad", pon a Relaçon da carta xecutoria. Iso de "con grande autoridad", sóname a que lles fixeron misa de réquiem con órgano, cánticos e moito botafumeiro, con toda a parafernalia dunha misa pontifical. Cantas contradiccións ¡meu Deus!: primeiro, sangue e despois, rezos. Na cidade dise que son, sen discusión algunha, don Pedro Pardo de Cela e o seu fillo bastardo, Xoán Núñez Pardo, que dito sexa de paso "Degolaron juntamente co él a [...] seo fillo, [...]; era moço virtuoso de edad de vinte é dous anos, foy sua morte como de vn Martir, porque jamais se achou error, que fosse contra pesoa algúa, mor nen menor, se non por os pecados de seu padre, é querelo defender como deveo, que o matavan; sepultarono junto a él. Deus aja misericordia co a sua alma", pon así mesmo a Relaçon. Tamén levaron ao fillo por diante: que culpa tiña o fillo. Na cidade aínda se recordan aquelas degolacións, que desde entón nos foron transmitindo os nosos devanceiros. En Mondoñedo sempre soubemos que O Mariscal e o fillo foron degolados e soterrados na catedral. E aí seguen. En Santiago parece que aínda o dubidan hoxe. Malia iso, xa naquel fatídico final do século XV, houbo un pintor, que co permiso do señor Bispo, Deán e Cabido catedralicio, quixo deixar constancia daquelas infames degolacións para que non se esqueceran xamais: as caras de dolor e desesperación das mais e os colores roxos e mouros das pinturas transpórtanos a aquel 3 de outubro do 1483, falo das pinturas muráis de Os Santos Inocentes. E desde aquel día, de cando en vez, ata que Mondoñedo exista, don Pedro Pardo e o fillo, Xoan Núñez, pasan pola sacristía, cerquiña de onde están soterrados, vístense coas mellores saias da roupaxe catedralicio e dan unhas voltas pola catedral para que todo o mundo saiba e non se esqueza daquelas execucións. Os monxes e os cóengos morren na paz de Deus e non andan vagando como alma en pena unha vez que os soterran, a don Pedro Pardo non lle deixaron arrepentirse, pois cando o coitelo do verdugo facía das súas, empezou a dicir ¡Credo!, ¡Credo! ¡Credo! e a cabeza, co credo na boca, rodou ata a porta da catedral. Xa era tarde. Non houbo tempo para o acto de contricción que esixen os cánones ecresiásticos, senón serían salvos. ¡Non dubiden! os fantasmas son O Mariscal e o fillo. A propósito, un lémbrase dun verso de D. Álvaro que parece que escribiu para estes fantasmas, que di "só volven os que recordan, compañeiros". Si, así é, volven, e volven e volverán porque queren recordar aquel inxusto día outonal, no que o Bispo e cóengos catedralicios empuxáronos ao cadafalso. Non houbo perdón, e en Mondoñedo, sempre e para sempre serán recordados.

Meilán García, Antón X.