Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Premios de Novela Curta Xuventude Crea

jueves, 10 de agosto de 2023
Os premios Xuventude Crea de Novela Curta demostran a competencia da escrita en galego por parte dunha parte de mozos e mozas. Queremos crer que é competencia en galego e non tradución, facemos votos porque sexa así, pero o certo é que chama a Premios de Novela Curta Xuventude Creaatención a cantidade de produción de textos escritos por unha mocidade que acadou uns estudos medios e superiores como antes nunca deramos conseguido neste país.

Ás veces semella que se adiantan as publicacións, que igual había que agardar a que estes escritores maduraran un pouco máis, releran a obra e a fosen mellorando nun exercicio de destilación que anteriormente temos observado. É difícil que alguén despois de ganar un premio o faga. É difícil que un xurado prefira deixar unha convocatoria en branco en lugar de escoller o mellor aínda que lle vexan algún pequeno problema nas librarías e bibliotecas porque xustamente somos a lingua "minorizada" na que menos se publica.

Así se presenta, Xoaniña de Deus de Alba Guzmán Falcón, premiada no 2021 e publicada por Xerais: "Xoaniña estase esquecendo da súa vida, de feito nin tan sequera lembra o seu nome ou a idade que ten. Ao redor dela tan só xira a soidade, o medo e uns invisibles fíos que a manteñen atada á realidade. Unhas desconcertantes tatuaxes gravadas na pel e un vello diario con tapas de coiro negro son o facho que alumea os seus pasos, as pegadas que lle permiten regresar ao pasado para percorrer un tortuoso camiño ata chegar a un inesperado final. Narrada en dúas voces, «Xoaniña de Deus» é a historia da vida dunha muller diagnosticada de alzhéimer que necesita seguir viva. Amor, drama e un pouco de humor forman parte dun círculo de lembranzas que ela mesma debe pechar antes de que a súa memoria se apague para sempre." A cita de Borges que abre a historia di "Somos a nosa memoria, / somos ese quimérico museo de formas inconstantes, / esa morea de espellos rotos." Se somos a nosa memoria, cando a perdemos non somos, deixamos de ser... é posible, que a novela se sitúe nese momento de espellos rotos nos que alguén recolle os anacos e conta o fragmento correspondente a cada un deles.

Outro certame literario, Literatura infantil Simbad para o recordo e o Alzheimer, trata tamén este tipo de temática: perda de memoria, diagnóstico da enfermidade... Un narrador en terceira persoa e a muller maior, protagonista, que conta a súa historia axudada polo diario e as tatuaxes realizadas polo derradeiro amigo que atopou, un compañeiro novo diagnosticado de VHS que se adianta en marchar coa morte. Ela lembra, fai ese esforzo antes de abandonarse á enfermidade e cóntanos a relacións co seu home, un amor pouco duradeiro que lle limita a vida colocándoa sempre en situación de dependencia ata que el enferma e queda un tempo con consciencia pero sen autonomía. A historia da familia, a nai e os seus dous homes, o tío vividor e emigrante que lle agasalla cun tempo de ledicia, a vida correndo por diante dos seus ollos. Esa viaxe de venres para ver o home, na que comparte vagón cuns personaxes case de realismo máxico: dous xemelgos inmensos que rexentan unha carnizaría en Viveiro e nunca están de acordo, a nena autista que acode ao psicólogo, Luciano coa guitarra de cinco cordas que vai tocar na rúa agardando pola esmola ou o produtor musical que o salve e unha rapariga negra que recita en voz baixa esconxuros para afastar o mal de ollo.

O capítulo final resulta tremendamente forte, quizás non tan inesperado, quizás xa nos foi adiantando algunha pista, pero de calquera maneira golpéanos directamente na liña de flotación.

Xoaniña de Deus, recita os antigos versos da infancia, recupera o instante máxico no que eras princesa dos teus e a enfermidade non existía:
Xoaniña, voa, voa
que che hei dar pan de broa.
Xoaniña, voa, voa
vai e tráeme algunha nova.
Xoaniña, voa, voa
que teu pai vai en Lisboa.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES