Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Teatro de muller

martes, 08 de agosto de 2023
Hai un tempiño. Carmen Varela escribiu As desterradas, coa que lle outorgaron o Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais 2020. Agora publica Faise o escuro que resultou ganadora do Premio SELIC 2022. Dúas obras teatrais e ambas de gran Teatro de mullerpotencia, teatro do de verdade, do que nos gusta ler e ver (se hai oportunidade). En As desterradas partía dun feito histórico e dunha motivación de compromiso; ela é cofundadora e secretaria da asociación O Sorriso de Daniel que defende e conserva (ata onde pode) o patrimonio románico galego. Pois ben, mentres se dedicaban a limpar e coidar o mosteiro de Albeos, atoparon a historia da resistencia deste monacato feminino. Un relato de rebeldía fronte á demanda de que pasen a formar parte do mosteiro de Antealtares en Compostela a onde eran desterradas dende os diferentes lugares da xeografía galega. Desta maneira quedarían subordinadas á orde castelá dentro da política dos Reis Católicos, e así, íanse perdendo as riquezas destes conventos galegos. Ao tempo, o pobo perde tamén ese refuxio ao que acudir ante as necesidades, por exemplo sanitarias, pois aí estaban as boticas.

Nesta volta ao mundo editorial, faino da man de Positivas publicando o premio SELIC 2022. Dúas obras e dous premios. Certamente, o teatro non lle é alleo. Foi directora de produción do CDG e ten traballado nese medio dende detrás das bambolinas, movendo boas compañías.

En canto a Faise o escuro, a presentación editorial non minte: "E no fondo da escena un parque eólico beneficiado por unha tramitación viciada pola indiferenza de quen debía ser árbitro e garante ecuánime. Se cadra tamén pola corrupción.
A violencia soterrada no privado e no público, no interior dun piso en Compostela e nos altos montes das serras caldelás."

Porque o parque eólico aparece como pano de fondo dunha relación humana, que comeza sendo de amizade e remata nun amor que non é tal senón a súa perversión. Relacións enfermizas que violentan porque como no teatro de monicreques quererías gritarlle á muller que non se fíe, avisala de que a enganan, de que a conducen a un mal lugar... pero o personaxe (os personaxes) non escoitan e usan a liberdade (e a soidade) para meterse nun cárcere do que non sempre se sae con bo pé.

Alguén dirá: "outra obra sobre violencia de xénero", pero igual máis que iso é outra historia sobre relacións tóxicas, sobre un delincuente (de luva branca) en serie, de como a xustiza divina, a humana e a poética poden aliñarse contra a inxenuidade ou a falta de afecto.

Faise o escuro cando cae alguén na tea de araña, cando a desvalorizan ata desaparecela, cando se aproveitan dela ata sentir vergonza allea, cando semella que o personaxe non ve o máis evidente, cando queremos berrar ben alto pero os personaxes son de papel ou están no escenario e non nos oen.

Porque hai un lado escuro, no que a banda do mal medra sen control. É tan forte, que fronte a esa ala negra os outros non teñen defensa. Nunca están preparados, porque unha e outra vez se confían e a negrura non perdoa, non se compadece. A sombra aliméntase do mal, é unha adicción. Negra é a relación de parella cando un deles se aproveita do outro e o aula, negro o roubo de documentos, negro o empeño por facer de Galicia un parque eólico, negra é a relación do presidente ou o seu xenro - cuñado coa empresa dos eólicos porque negra foi tamén a súa inversión en urbanizacións na Galicia posterior ao Prestige por aquilo de que quen aguanta unha desgraza ben pode aguantar cen máis, negro é que os concellos oculten información á veciñanza para dificultar as alegacións ao plan eólico, algo escura a novela negra ambientada na Galicia rural, coloración gris escuro van collendo as plataformas contra o feísmo nas mans de nenos ben que denuncian aos donos das casas esquecendo as causas sociais e os nomes dos arquitectos e administracións que outorgaron permisos ou asinaron planos... Faise o escuro, porque resulta difícil moverse entre tanta quenlla que busca sangue sen que se vexa, silenciosamente e instalada na cultura do país, esa de bois mansos que ocultan touros bravos ou galos de curral que despluman galiñas sen perder a raia do pantalón. Mágoa das xentes ensimesmadas!

Por iso, a autora dedica o libro ás persoas que se resisten ao escuro e aos colectivos que buscan que os ventos (e as eólicas) sexan favorables. Cando presenta os personaxes anticipa: á protagonista o mundo váiselle apagando conforme pasa o tempo, o decurso da amiga queda en suspenso "a vida depáralle un final no que nunca saberemos se caerá ou non", o mozo "é un elefante disposto a pisar todos os cacharros que atopa ao seu paso".

Outro personaxe, a moza nova que traballa de técnica de tremoia no teatro e tanto aparece colocando o escenario como no piso compostelán no que todo sucede. Dentro e fóra da obra. Ela é traballadora e personaxe na representación, está nesa liña que toca realidade e ficción, pero tamén por ela tememos, porque está a piques de non ver o que é evidente, a pesares de falar, interpretar, razoar e case reflexionar... pero aplicar a teoría sempre foi difícil, e ser nova non quere dicir nada, non están máis preparadas, non, e así nolo demostra, ante a certeza está cega.

Tamén me semella un gran acerto ese espazo escénico no que recoñecemos o paso do tempo polas flores que alguén coloca nun floreiro. Ou a introdución dalgún personaxe real do que se fala na obra. Ou ese agasallo final dun poema de Joan Margarit no que se xoga coa luz e a súa sombra, cegueira e claridade, nós e o auditorio, forasteiro e hospitalidade nunha "historia de sedución sen esperanza" para non "ser máis que a sombra amada dun outro".

Faise o escuro e non sabemos en que momento volverá a luz. Queremos crer que existe, máis alá da caverna, nun mundo bondadoso e sen enganos. Para iso se escribe, e se publican historias así de fortes.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES