Honras
Editorial - martes, 03 de febrero de 2009
Franco ten difícil lembranza nesta España democrática que naceu co seu pasamento e moi axiña demostrou ter gañas de esquecer o máis recente pasado.
En Alemaña a memoria de Hitler está proscrita e é delito facer apoloxía do nazismo e das ideas que o seu rexime proclamou. En Rumanía a memoria colectiva quiso esquecer e nin o nome nin a figura de Ceaucescu aparecen en ningún lugar público do país.
Na Galicia de Franco -xa non digamos no Ferrol del Caudillo- o nome foi desaparecendo das principais rúas, os monumentos fóronse arredando e a súa memoria da paso a unha lembranza histórica na que para os máis novos queda tan lonxana coma o reinado de Fernando VII.
De cando en cando, aparecen coletazos como o que acaba de darse na Deputación Provincial de Lugo onde a coalición gobernante -PSOE e Bng- pretendían arrebatar a Franco o título de Presidente de honra da institución e a medalla de ouro que no seu momento se lle concedeu.
Nada hai que asombrarse daquelas honras que en reximes autocráticos é costume e obriga outorgar as máximas honras a quen detenta ó poder para significarse ou para non quedar atrás. A Deputación Provincial doutrora non quiso ser menos e en 1944, 1945 e 1958 volcouse corporativa na homenaxe á máxima autoridade do Estado español daqueles tempos.
Para retirarlle estas honras fai falla maioría cualificada, algo máis que maioría absoluta, e entón a coalición gobernante ten que conseguir o voto do PP, que considera que a provincia ten maiores urxencias que esta retirada de honras que a morte do dictador se ocupou de arrumbar.
Así estamos: que fai falla poñerse de acordo, tamén nisto. E resulta difícil porque para poñerse de acordo hai que falar, dialogar, convencer, pactar, comportarse democráticamente e aquí últimamente parece que só sabemos impoñer maiorías e non falar para conseguir consensos.
Falando -soubémolo sempre- enténdese a xente. Incluso os políticos.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora