Randéase o sol en si...
Cabada Castro, Manuel - martes, 01 de agosto de 2023
Vexo Vigo, vexo Cangas...
... camiño da miña terra.
Cando vervos volverei...?
Randéase o sol en si
neste longo atardecer!
Rubia é a morte e o cansazo
do incerto padecer!
Ante a túa fortaleza
-ferro vello feito lume-
isto éche ben seguro:
trocareime en vagalume.
Do vivir ti firme rocha,
se eu puidera coma ti
no meu peito un Deus levar,
canto hai tería en min.
Pois a ti, esplendoroso,
só te torce o teu destino.
Mais a min ignotos astros
ameigáronme o camiño.
Cara ó norte eu avantar
no que habitan as sereas?
Mais eu busco realidades,
non os soños que exasperan!
Xa non sei, porén, agora
se soñar máis cumpriría
ca apegarme a realidades,
firmes pedras elas vivas.
Cabaleiro do facer,
que non falas senón fas,
dismo ti pasada a noite,
cando amenza o teu mañá?
E así me replicaches:
Non hai noite sen abrente,
sen cantares da laverca
que de día a luz acenden.
Luz só vén da escura noite
na que xace o sementado.
Vida xorde do imposíbel,
alén sempre do xa dado.
(Vigo, 11 de xullo de 2023)

Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora