Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Perla escolleita

domingo, 30 de julio de 2023
Non parece que haxa hoxe dúbida de que os nosos comezos como seres humanos están en continuidade con toda a historia física e biolóxica ocorrida en tempos anteriores. Refírome ó que adoitamos chamar a evolución, a evolución xeral cara ós seres vivos e o xurdimento dos primeiros seres que poden xa ser denominados humanos. Disto falan de maneira ampla a paleontoloxía, a antropoloxía e outras ciencias.

A pesar desa relación que temos co mundo animal e co universo todo, podemos falar tamén de que nós, os seres humanos, nos distinguimos moito dos nosos predecesores puramente animais. A mesma antropoloxía xeral, mais sobre todo a psicoloxía e a filosofía, apréndennos a vérmonos como uns animais moi especiais. Especiais precisamente porque, tal como se di, non somos animais "especializados". Unha gaivota ou unha anduriña fan o seu niño ano tras ano sempre máis ou menos da mesma maneira. Un león ten comportamentos que practicamente son e serán sempre os mesmos. E así outros animais. Están "especializados" para unha vida concreta e particular, a súa e maila da súa especie.

Nós, os seres humanos, en troques, case non dispoñemos de instintos ou comportamentos específicos e determinados. Temos que aprender practicamente todo: a andar, a falar, a relacionarnos coas outras cousas e persoas. Estamos así abertos a moitas posibilidades. Nada nos enche ou satisfai plenamente. Por iso cando temos unha cousa, estamos xa pensando en como acadaremos outra mellor.

Mais con ese comportamento estamos tamén a dar testemuño dalgunha maneira dunha nosa especial relación co que chamamos Deus. El fíxonos a nós, os seres humanos, a través de toda unha longa evolución cósmica e biolóxica, coa idea de nos facer partícipes en certa medida da súa mesma vida, da súa mesma natureza divina. Como Deus quixo e quere comunicarse connosco, estar connosco, xantar á mesa connosco e tantas outras cousas como poderiamos aquí engadir para poñer isto aínda máis de relevo, por iso precisamente, é dicir, para que iso fose posíbel, tivo Deus que facernos semellantes a el e facerse tamén el a si mesmo semellante a nós no seu fillo Xesús.

En que está esta nosa semellanza con Deus? Pois, por exemplo, en que todos queremos ser absolutamente felices, en que todos queremos vivir sempre, en que todos queremos telo todo, coñecelo todo etc. En definitiva, en que todos queremos ser coma o mesmo Deus que nos fixo. Deste tipo de consideracións provén aquel dito de Santo Agostiño nas súas Confesións: "Fixéchesnos, Señor, para Ti e está inquedo o noso corazón ata que acougue en Ti". Porque para el Deus é a expresión máxima da felicidade, da verdade ou do amor ós que un pode aspirar.

Co que acabo de comentar, aínda que sexa dunha maneira moi esquemática, podemos achegarnos algo ó que nos din as comparacións ou parábolas de Xesús na liturxia de hoxe. Nelas faise comparanza do contido ou do fondo da mensaxe de Xesús cun tesouro co que se topa unha persoa nun terreo alleo, mais que ela, "chea de alegría", quere facer seu, aínda que sexa a costa de ter que vender canto ten. Pode ser un secreto e rico tesouro ou unha perla "de gran valor".

Como vedes, semella claro que a mensaxe cristiá está dirixida de maneira especial para os que teñan grandes desexos, é dicir, para os que sexan e queiran ser plenamente felices e humanos. En certo modo poderiamos dicir que o cristianismo non está feito para os que queiran alimentarse de rutinas, de servilismos ou de pequenos ritos ou obrigas que eles mesmos se impoñen ou que outros lles queren impoñer. Dese xeito non pasariamos de asemellarnos ós animais, que non están abertos a esas amplas dimensións dos seres humanos.

Tampouco é ese o camiño para atoparmos a verdadeira felicidade. Un bo cristián terá que renunciar a determinados egoísmos que se pechen ás necesidades dos demais. Mais este tipo de renuncia a egoísmos insolidarios non significa que a felicidade vaia abandonalo. Ben sabemos que a felicidade só se atopa cando un é fiel á súa conciencia e teima en todo momento por ser bo con todos. Trátase dunha felicidade que fai a un feliz e tamén fai felices os demais. O sufrimento mesmo, en principio, non ten tampouco por que lle roubar a un a felicidade. Porque cando se sabe que o propio sufrimento pode ter un sentido ou que con el podemos facer un ben ós demais, entón somos capaces de aturalo ou de transformalo en bendición para os demais e para nós mesmos.

Ser feliz é ter azos para facer ben as cousas e saber así ser de proveito para os demais, aínda que sexa a costa de renunciar, como o sabio rei Salomón, a unha vida longa ou a riquezas innecesarias. Xa antes de que Xesús nos falase do "tesouro agachado" ou da "perla fina", fora Salomón loado no Antigo Testamento por non lle ter pedido a Deus para si "vida longa" ou "riquezas", senón acerto para gobernar os seus súbditos.

Os pais, no pequeno e particular goberno da súa familia, deberían aprender desta mensaxe de Salomón e da de Xesús a saberen que a súa felicidade e a das súas fillas e fillos depende moito de os fornecer dunha boa educación, por máis que este labor non sexa cousa doada. É así como eles irán aprendendo, tal como axeitadamente se di, a "ser" antes que a "ter".

Xa para rematar. Os que se dedican ó difícil e meritorio labor da política recoñecen ás veces, por exemplo ante un fracaso electoral, que non foron capaces –tal como din- de comunicar correctamente a súa mensaxe. De xeito semellante, os cristiáns e de maneira especial cantos intentamos con temor e tremor facer presente hoxe en día a mensaxe de Xesús deberiamos ser quen de poder comunicar ós demais correctamente e con insistencia que a mensaxe de Xesús é verdadeiramente un "gran tesouro", unha "finísima perla", que ben paga a pena intentar adquirir. Que o bo Deus nos axude en tal intento.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES