Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 26 de julio de 2023
Suar a quilo

Respiro coma se fora afogar. Respiro coma se se me acabara o mundo. Andei de presa. Andei costa arriba, Andei baixo unha calor sufocante. E vou vello. Todo se xunta.
Agora xa sentei e xa estou tomando café. Pero escribo bastante incómodo. Porque ó parar desa marcha vertixinosa e en costa, empeza a suor a facer das súas. Xa o teño contado moitas veces: súa o brazo, molla o papel, pégase a pel, etcétera.
Pingas de Orballo Que todo sexa polo que sexa. Non sempre vén todo dado. O que algo quere, algo lle custa. Eu quería chegar axiña e tiven que andar case correndo. Quero deixar aquí constancia do que levo contado, do que estou contando e teño que erguer o brazo de cando en vez e limpalo ou secalo un chisco para que se deslice polo papel do caderno.
Xa respiro normal. Xa non se acaba o mundo. Os latexos, pouco a pouco, volven ó seu ritmo e xa contemplo cun sorriso á pomba que se instalou na mesa que lle segue á miña. Empeza a suarme a barriga. Que calores. Que sufoco.
Pídolle calma ó tempo climatolóxico e semella que me fai caso: un pequeno airiño fai abanear as follas dun plataneiro que teño á beira. Se é que é un plataneiro. Para min, fóra das esenciais (carballos, bidos, chopos, piñeiros, eucaliptos, amieiros, nogueiras e castiñeiros), todas son árbores. Sen nome. Non estudei dendroloxía. Son astronauta cun futuro marciano. Mentres non chegue ese futuro... a seguir suando en pingas ou a suar o quilo.

Unha boa limpeza

Levo cinco anos buscando a Supermán. Hai moito delincuente solto e eu, tan só co fouciño, non dou feito. Corto cabezas e tallo conciencias, pero non hai maneira. Non consigo erradicar o mal. Hai facinorosos a esgalla, moitos máis que xente de ben. Xa non sei cantas veces agucei o fouciño e cravuñei a gadaña. En algúns lugares ata cheguei a usar bazokas e nada de nada.
Pingas de Orballo Non lembro cantos planetas levo visitados e a cantos extraterrestres lles preguntei. Si, hai vida máis alá das estrelas. Cheguei a botar unha semana co meu amigo o alieníxena, aquel que aterrara na Pitediña e que os meus veciños de Baños de Molgas, por descoñecemento, ataran a un deses carballos vellos, recios e inmensos das Mestras. O meu amigo, por esa infinidade do universo, ten moitos máis contactos ca min, e nin por esas. En tres anos e medio ninguén lle deu aínda razón do heroe de Krypton. Si, no seu lugar de nacemento foi no primeiro sitio que busquei. Axiña entendín que como é un personaxe, un cómic tan ocupado andará coas súas fazañas por outros lugares.
Eu levo cinco anos buscándoo e... coma se o tragara un buraco negro. Vou darme de prazo unha semana. Se non o atopo, volverei á Terra e cambiarei o fouciño pola gadaña. Esta abarca máis cabezas, máis delincuentes. Malo será que, no que me queda de vida, non faga unha boa limpeza. Ó mellor nun futuro próximo aparece por fin Supermán e me bota unha man. É unha parvada perder o tempo buscándoo. Xa aparecerá. Mentres non apareza, sigo coa limpeza.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES