Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ante as eleccións autonómicas: ¡Reflexión persoal! (I)

jueves, 05 de febrero de 2009

Para decidir con cordura. Para axudármonos uns aos outros. Para que a nosa palabra/voz sexa seria e responsable á hora de falar, cando toque. Temos tempo dabondo, antes do ante/día das votacións. Invito, de verdade e corazón, aos meus amigos e lectores habituais a facelo canda a min tentando todos xuntos reflexionar e compartir ideas, pensamentos e suxestións. É boa cousa compartir o que se reflexiona. Para enriquecérmonos mutuamente, na seguridade de que é necesario e útil activar a nosa capacidade persoal de pensar que todos posuímos. Pensar é a facultade de razoar, calcular, contrastar para despois poder xulgar axeitadamente os feitos da vida. Os galegos, a pesar de non sermos dados a manifestalo, somos especiais nas nosas repousadas e axeitadas reflexións. Temos unha sona ben gañada. O feito de reflexionar non é outra cousa que usar ese dereito persoal de repensar as ideas, propias e alleas. Imprescindible á hora de buscar a verdade por conta propia e non falar de oídas ou por mandado de ninguén.

Parto da idea de que non é doado, hoxe en día, pórse a pensar, a reflexionar. Non nos apetece. Non hai gañas nin costume. Tampouco nos deixan tempo. Andamos programados. Da mañá á noite. Porque a algúns que teñen poder lles interesa. Estamos enleados en moreas de cousiñas que non damos abasto, a pesar das nosas présas. Entre o meneo da vida cotiá, a facilidade que nos montaron para o consumo e a televisión que nos dispersa aínda máis, estamos a tope. E, por riba, despois de virmos das matanzas do outono/inverno, do Nadal e das eleccións americanas (semellaban ser nosas!) volvemos a estar en pre/campaña e ás portas do Entroido.

Para actuar con criterios propios e estarmos informados propoño algún principios básicos. Sen tirar conclusións, de momento. A Política (en si mesma) é cousa boa, necesaria. Para axudara a gobernar (equilibrar!? ) a sociedade. Velaí unha sinxela definición: ”A ciencia e práctica do goberno das sociedades humanas. Con diplomacia e habilidade”. Pódese exercer de diversos modos, chamados sistemas. Uns bos, outros non tanto e algúns, certamente, ruíns. Os que non actúan a favor da xustiza, a igualdade e a defensa dos outros valores humanos esenciais, deben ser rexeitados. Os Políticos, gobernantes ou non, son persoas. Tamén boas, regulares e/ou malas. Coma nosoutros. Todos eles teñen a obriga de prestar “servizo á comunidade”. Os que gobernan, cando son elixidos democraticamente (nunhas eleccións) deben ser examinados e poden e deben ser tamén rexeitados e/ou aprobados. De principio, é o mellor dos sistemas.

Baixo o clásico e sinxelo método do ver, xulgar e actuar, imos comezar a nosa reflexión. Para xulgar e actuar, en verdade, xustiza e liberdade, hai que comezar por ver, por observar. Cómpre medir, calcular e mesmo pesar o cumprimento das obrigas e compromisos que os políticos (sobre todo, os que foron chamados a gobernarnos) teñen comprometido, de xeito formal, connosco e con todo o pobo. A base de facérmonos preguntas, aos demais e á nós mesmos, á vista dos feitos e obras, actitudes e comportamentos que imos ollando á nosa beira, irán xurdindo as nosas cualificacións, os nosos aplausos ou o noso rexeite. Que é o que vimos e/ou estamos a ver nos políticos que nos gobernan!? Que temos que dicir da colaboración a favor do pobo dos outros!? Un dos xeitos que ten o pobo de colaborar na construción e progreso dun benestar social xusto para todos os membros das nosas comunidades consiste en xulgalos de vez en cando. ¡Velaí a grandeza da democracia! Continuaremos con respostas concretas, froito da reflexión, nas próximas semanas. ¡É a nosa hora!. ¡Hai que aproveitala!

Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES