Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ante a Xornada Mundial dos Avós e dos Maiores

lunes, 24 de julio de 2023
Ante a Xornada Mundial dos Avs e dos Maiores O papa Francisco convídanos en moitas ocasións para vivir unha "cultura do encontro". É a consecuencia lóxica da nosa fe no encontro transformador e provocador que supón o encontro de Deus co home en Xesús de Nazaret. Nunha sociedade fortemente desvinculada, onde a polarización se fai patente, onde o individualismo nos empobrece na nosa propia identidade, onde nos relacionamos pero non nos vinculamos, onde facemos muros e poucas pontes, a "cultura do encontro" é a proposta que nos axuda a crecer en fraternidade, en amizade social, en civilización, en humanización.

Un medio para esta "cultura do encontro" é a celebración da Xornada Mundial dos Avós e dos Maiores. Foi instituida polo Papa, ao redor da festa de San Xaquín e Santa Ana, avós de Xesús, como consecuencia da pandemia: un momento recente da nosa historia, sobre o que constantemente temos que volver, e no que abandonamos á súa sorte a moitos anciáns e maiores polo feito de selo. Non podemos esquecer que moitos morreron por falta de respiradores, a maioría morreu soa sen un acompañamento da familia, moitos quedaron marcados pola soidade... Era un signo máis desta sociedade economicista que conleva o descarte e onde abeiramos e apartamos aos que non valen, aos que molestan, aos que custan, aos que non producen.

Nesta Xornada propónsenos saír ao encontro dos nosos maiores, abrazar aos nosos maiores, posibilitar o diálogo cos máis anciáns, deixarse tocar e afectar por aqueles que os anos debilitaron na súa saúde física, percibirlles como un precioso tesouro na súa fraxilidade. Esta é a invitación que recibimos cada un de nós e que eu tamén fago miña, facendo cada un exame de conciencia e proposta concreta de acción.

O que se busca é favorecer unha sociedade do encontro onde o encontro interxeracional se faga posible, onde os mozos e os maiores se enriquezan mutuamente no inmenso caudal e potencial que gardan. Como nos convida o Papa na súa mensaxe con este motivo, "Deus desexa que, como fixo María con Isabel, os mozos alegren o corazón dos anciáns, e que adquiran sabedoría das súas vidas. Pero, sobre todo, o Señor desexa que non deixemos sós aos anciáns, que non os releguemos ás marxes da vida, como por desgraza sucede con frecuencia".

O camiño non empeza de cero. Non se se estaredes comigo en afirmar que unha das notas características da nosa sociedade galega (polo menos a min chamoume a atención) é o coidado que prestades, en xeral, aos nosos maiores. Así o demostra a convivencia que existe en tantos fogares, especialmente do medio rural, de varias xeracións, a atención que poñedes cara aos que nos precederon, a renuncia que facedes, especialmente e unha vez máis as mulleres, por coidar dos vosos maiores… Sen dúbida é unha fermosa nota cultural que debemos agradecer e que non debemos deixarnos arrebatar.

Estou seguro que todos sairiamos gañando se este encontro interxeracional se profundase. Porque nel entrecrúzanse e comunícanse o pasado, o presente e o futuro dun pobo. É o que nos permite saír do meu "eu" e do que vivimos para entrar nese "nós" que nos fai máis grandes. O pasado que nos di de onde vimos, o que fomos, o que outros construíron como legado. O presente fálanos da inmediatez, do que existe, do que temos. O futuro preséntanos o horizonte, a esperanza do que podemos ser. Cada xeración que convive nunha mesma sociedade representa ese pasado, presente e futuro que a todos, a nivel persoal e global, enriquece e engrandece.

A Igrexa sempre destacou polas iniciativas asistenciais promovidas para o coidado dos maiores. Penso nas Hermanitas de los Ancianos Desamparados, tan presentes na nosa diocese, e noutras iniciativas semellantes. Grazas! Oxalá que esta Xornada sexa unha invitación para favorecer a necesaria cultura do encontro e o coidado dos avós e maiores.

O voso irmán e amigo,

+ Fernando,
Bispo de Mondoñedo-Ferrol

Fotografía de portada: I. Quesada
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES