Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Santiago e nós

martes, 25 de julio de 2023
Co gallo da celebración da festividade de Santiago Apóstolo e do Día da Galiza, cumpriría lembrar algo sobre a importancia de que os que vivimos na Galiza saibamos incardinarnos ben nesta fermosa e vella terra.

Desde o punto de vista cristián, teriamos que aprender a ver esta incardinación en continuidade e como consecuencia da incardinación ou encarnación do noso Deus cristián no mundo, facendo que o seu fillo nacera e vivira nun país, nunha cultura e nun ámbito lingüístico concretos. A encarnación da Igrexa na cultura e lingua da Galiza habería que vela no entanto como unha esixencia desa mesma fe nun Deus que no seu fillo se encarnou tamén nunha cultura e nun país concretos. No seu paso por este mundo, Xesús non se parece en absoluto a un suposto anxo que sobrevoase por así dicilo as terras de Palestina para desaparecer ó final nun etéreo ceo sen se ter decidido a aterrar en ningún momento nelas. Polo contrario -tal como se nos di no evanxeo de Xoán- a bendita palabra de Deus, afincou ben a súa tenda entre nós.

A Igrexa galega tardou en troques excesivo tempo en comezar a se incardinar na Galiza, se se ten en conta que a primeira misa en galego de tódolos tempos se celebrou oficialmente en Santiago no ano 1965, hai só cincuenta e oito anos. Presidiuna o P. Seixas, que acabara de volver da República Dominicana (onde residira durante catro anos). Con moitísimo atraso, se temos en conta que a lingua galega é a lingua propia deste país desde os tempos medievais.

Foi o último concilio ecuménico da Igrexa, o Vaticano II, o que abriu a porta á utilización na liturxia das linguas faladas pola xente aínda que por razóns de tipo político ou falso prestixio social non se lles concedera ata entón a categoría de oficiais. Aínda así, a nosa lingua galega tivo que esperar varios anos tralo remate do Concilio para ser introducida no uso litúrxico entre nós. Houbo daquela moitas protestas por esa demora, ata que por fin, o 7 de xaneiro de 1969 se aprobou en Roma o uso litúrxico da nosa lingua tras moitos esforzos individuais e colectivos a prol do seu uso.

Xa a mediados do século XVI, o Concilio de Trento acordara que, aínda que a misa seguise sendo en latín, se lles dese cabida nela ás linguas chamadas vulgares para lles explicar ós asistentes o que alí estaba a ocorrer. Mais daquela tamén se decidiu, contra toda lóxica e evidencia, que a lingua da Galiza era o castelán. Por iso, e sorprendentemente, os galegos, a diferencia por exemplo de vascos ou cataláns, non puidemos dispoñer ata hai pouco de oracións ou catecismos escritos na nosa lingua. Os nosos catecismos imprimíanse en castelán e a doutrina e mailas oracións básicas ensinábanse tamén en castelán, contra o que o mesmo Concilio de Trento pedira.

Despois do Concilio Vaticano II celebrouse na a década dos anos 70 o chamado Concilio Pastoral da Galiza. As disposicións concretas deste Concilio Pastoral partían do suposto básico da necesidade de se identificar coa cultura dos destinatarios da mensaxe liberadora do evanxeo en canto "boa nova". Dise nelas por exemplo: "Este Concilio Pastoral pídelles ós cristiáns da Galiza que a súa acción se encarne nos valores naturais, humanos e culturais da Rexión e que, xunto con todo o pobo galego, os desenvolva cando son expresión da súa personalidade, riqueza e liberdade. Isto levaraos a rexeitar toda forma de colonialismo e a proclamar o dereito á lexítima liberdade en tódolos seus niveis e a decidir o seu destino". E engádese aínda: "O Concilio Pastoral da Galiza pide que a autoridade pública, lonxe de determinar o carácter propio da cultura galega e, máis aínda, de oprimila, favoreza tódalas condicións e medios para soerguer a vida cultural propia do pobo galego, fundamentalmente a súa lingua".

Dise aínda por iso nun dos textos conciliares: "O Concilio Pastoral da Galiza pídelles a tódolos cristiáns, Bispos, Curas e Leigos, cadaquén segundo a súa específica misión, que participen na promoción da lingua galega, por ser un valor humano que está asociado coa liberación do home galego e, por tanto, coa evanxelización".

O Concilio Pastoral da Galiza pídenos, xa que logo, a tódolos cristiáns, clara e simplemente, máis "encarnación". Do mesmo modo que o noso Deus se quixo encarnar no concreto Xesús da historia.

Teremos, pois, que lle pregar ó noso Padroeiro, o Apóstolo Santiago, o "fillo do trono", que nos dea ímpeto civil e relixioso pra facermos da Galiza unha realidade xusta e libre, conforme ó espírito que recibimos do Evanxeo. Unha realidade ben encarnada na propia historia, cultura e lingua, aínda que aberta naturalmente a tódalas culturas e linguas do mundo.

Pola miña parte, teño aínda que dicir que é para min esta data do 25 de xullo unha data de gratas lembranzas. Pois foi xustamente nun día coma hoxe, aínda que no ano 1963, hai hoxe xustamente 60 anos, cando fun ordenado sacerdote xunto con outros 14 xesuítas de diversas nacionalidades polo bispo tirolés da cidade austríaca de Innsbruck. Fomos ordenados no día de Santiago Apóstolo porque no día seguinte, o día 26, era e continúa a ser a festividade de santa Ana, patroa de Innsbruck (capital do Tirol austríaco), onde vivín, ben mozo aínda, durante catro anos. Polo tanto a data da ordenación sacerdotal non tiña en realidade nada que ver coa festividade de Santiago Apóstolo dese día, senón por ser a véspera da festividade de Santa Ana.

Por todo iso, pola miña ordenación sacerdotal nun día coma hoxe no Tirol e tamén por hoxe podermos celebrar a festividade do Apóstolo Santiago na Galiza, doulle convosco devotas grazas a Deus.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES