Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Terra, a nosa

lunes, 24 de julio de 2023
Estes días, a nosa terra estará en boca de moitos porque un galego, Alberto Núñez Feijóo, gañou as eleccións xerais. Descoñezo, cando escribo estas palabras, se a maioría acadada será abondo para gobernar en solitario ou se terá que recorrer a pactos. Sexa como for, foi todo un éxito persoal e político rescatar a un partido que se atopaba enfrontado e desmoralizado e levalo, ano e pico despois, a un dobre triunfo electoral: o das municipais/autonómicas do 28 de maio e o destas eleccións xerais, celebradas un 23 de xullo.

Tamén o 25 de xullo, Día de Galicia, a nosa terra faise sempre un oco nos beizos e no corazón de moitos galegos, dentro e fora do país. Defendeu o filósofo Carlos Baliñas que foron os intelectuais de Xeración Nós os que converteron o concepto xeográfico de territorio, no concepto psicosocial e afectivo de Terra. É coñecido que os membros da Xeración Nós adoitaban empregar o lema "Terra, a nosa", para poñerlle o ramo aos seus discursos e intervencións públicas.

Mais o concepto ten tamén unha clara dimensión política. Aínda que fundado no ano 1907 como voceiro do grupo rexionalista Solidaridad Gallega, o xornal A Nosa Terra foi o órgano de expresión das Irmandades da Fala (1916) e do Partido Galeguista (1931), algo que amosa a devandita dimensión política.

Para min, resulta moito máis feliz a expresión "Terra nai", que acuñou Rof Carballo pois a terra non é nosa, nos pertence, senón que somos nós os que pertencemos a ela. A terra seguirá aí despois de que marchemos deste mundo e non haberá documento de propiedade que nos permita levala connosco. Como moito, as nosas cinzas volverán á terra que nos deu acubillo.

Se nos emocionamos cando falamos dela é porque formamos parte da terra, da nosa terra, na que nacemos, vivimos e pola que sentimos saudade cando estamos lonxe dela. Alberto Núñez Feijóo comezou a súa campaña electoral nos Peares, onde naceu, e rematouna na Coruña, onde reside. A terra tira de nós e a fidelidade coa terra é, en realidade, a fidelidade con nós mesmos.
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES