Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Saudades de mar

martes, 18 de julio de 2023
A dorna ten alma e sentimentos. Chora bágoas de resío nas noites de verán e déixase arrolar polas ondas. Cando me albisca, o seu corazón tolea coa esperanza de sucar as ondas do mar. Ás veces ri a cachón xogando co vento do sur e outras alporízase cos refachos fríos do norte. Coida de min agarimosamente e cóntame historias doutras terras e doutros mares. Vaimas contando de vagar, cando me deito na popa, ollando cara ao ceo azul ou as estrelas.

Naceu das mans dun carpinteiro de ribeira de Poio. Chegou co arrecendo da saiba nova, con sede de mar. Deitámola na preamar, sen cerimonias, na praia da Granxa. Alí fixo o seu niño e supoño que o seu fogar. Eu era daquela un mozo que suspiraba por saír navegar naquela dorna feiticeira, a máis fermosa e mariñeira que nunca tiña visto. Mirábaa decote con envexa e soñaba que me levaba lonxe, moi lonxe...

Cada xornada vou escribindo en silencio o manual do perfecto mariño que sabe soltar amarras para poder navegar, deixando atrás as cousas que retrasan inxustificadamente a partida. Tamén as cousas inútiles que non fan máis que estorbar. Para fender as ondas abonda despregar as velas, termar do temón e pouco máis. Cómpre facerse ao mar carrexando un fardo de ilusións cabo da roupa de augas, un sorriso e un cantar nos beizos que escorrente a soidade. Que o sol non nos cegue nin o vento anegue os nosos ollos.

Eu creo que un bo mariño, cando mira cara ao horizonte infindo, agradécelle ao ceo a súa axuda. As gaivotas que voan alto, ninguén o esqueza, non marcan o rumbo. Facerse ao mar e soñar co regreso son a mesma cousa, aínda que moitos tarden en decatarse desta verdade de pé de banco porque son deses segredos que se descobren de seu. Navegar é sentir saudade do peirao ao que retornar cando a singradura remata. Pois a saudade non é máis que a forza motriz que nos amosa, silandeira, o camiño de volta.

Marcelino Agís Villaverde, Catedrático de Filosofía.
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES