Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

"Sementar sementarei..."

domingo, 16 de julio de 2023
Deus Pai revelóusenos en Xesús a toda a humanidade, á enteira creación. El exprésanos a mensaxe do Pai en estreita relación coa terra que dá vida ou tamén, como se nos di hoxe, "á beira do mar”, proclamando unha mensaxe de fraternidade universal, a de sermos fillos dun mesmo Pai que nos quere, que nos dá a vida e nola promete ademais para toda unha eternidade.

A tradicional e fermosa parábola do "ementador é un discurso de quen senta cátedra, tal como nolo conta Mateo, "á beira do mar": “Xesús saíu da casa e foise sentar á beira do mar". Por máis que o xentío era tan numeroso e estaba tan pendente del e do que dicía que tivo que se subir a unha lanchiña.

Quen alí estaba non precisaba de libros (nin de papeis) para se dirixir ás xentes que o seguían. El non nos deixou, ademais, nada escrito da súa propia man. Serían outros quen nos falarían del, engadindo eles ademais pola súa parte que non habería libros suficientes no mundo para neles deixar perfecta constancia de todo canto dixo e, sobre todo, fixo. Porque en realidade, máis que alguén que emitía palabras, era el mesmo, todo el, a Palabra, a Palabra de Deus Pai para nós. A Palabra que, como di Xoán, se fixo carne e habitou entre nós.

Xentes mariñeiras e labregas, é dicir, aquelas que vivían a rentes do mar, sementeiro de vida, ou preto dos sucos da terra-nai que dá millo, trigo, mazás ou viño, estas xentes (e os galegos temos que darlle grazas a Deus por termos nacido nun país así), estas xentes –digo- podían, poden, podemos entender quizais un chisco mellor ca outros esta mensaxe sobre o Xesús sementador de vida.

Deus non fai senón sementar a súa palabra, por medio de Xesús que é a Palabra e por medio de tantas persoas, acontecementos, alegrías ou sufrimentos que nos acompañan e acompañarán dunha ou outra maneira ó longo da nosa vida.

Sabemos ben, de todos modos, que quen sementa non recolle sempre froitos iguais nos diversos terreos nos que realiza a súa sementeira. Iso é o que o texto de hoxe nos vén dicir. É sen dúbida un misterio, humano e divino, o porqué o froito da palabra que vén de Deus devén nunhas persoas fermoso e vizoso mentres que noutras non pasa de ser regular ou cativo.

En calquera caso, cómpre decatarnos de que é sempre Deus quen nisto leva a iniciativa. El é o sementador, o que desde si mesmo nos dá a posibilidade de producir froitos de vida e de fraternidade. El é aquel de quen procede a semente, sementándoa no interior dos nosos corazóns ou tamén, como nos di Isaías (na primeira Lectura) o que actúa desde arriba cara a baixo, ó xeito da chuvia ou da neve que descenden do ceo. Se estes fallan, vén a seca e a terra deixa de producir.

Non nos é doado analizar ata o fondo esta semente de Deus. Mais non deberiamos esquecer que o que vén de Deus é loxicamente cousa divina e non ten por que axeitarse ós nosos modos, cativos e limitados, de ver as cousas. Ás veces podemos pensar que o noso mundo, o de hoxe, é un deserto, un páramo no que o divino, os froitos da palabra de Deus, non se ven case por ningures. Mais aquí temos tamén que aprender o que a palabra de Deus nos di. Polos seus camiños -que non teñen por que coincidir sempre cos nosos- o Sementador, é dicir, Deus, segue a traballar no traballo da sementeira. Non podemos saber de antemán que froitos concretos quere Deus acadar por medio de nós, na nosa época, ou a través dos que veñan despois de nós, nunha historia que endexamais deixa de se presentar en cada tempo concreto como nova e sorprendente.

En calquera caso, Isaías anúncianos que a sementeira de Deus non ten marcha atrás. Deus comprometeuse en Xesús co mundo e coa humanidade toda, que son obra súa. Por iso Deus Pai salva e salvará en Xesús o mundo e levará a cabo o que el quere. Isaías preséntanos a Deus falando da eficacia e do froito da súa palabra dada ó mundo comparándoa coa chuvia que sempre descende cara abaixo e que non volve subir, coas mans baleiras, cara arriba. Así, pois, talmente como a chuvia enchoupa a terra e fai que produza froitos, "así tamén será –dinos o Deus de Isaías- a miña palabra que sae da miña boca: non volverá a min en van, senón que fará o que eu queira".

Se así non fose, Deus tería fracasado nos seus plans sobre o mundo e sobre a humanidade, proxectos que por seren divinos non poden senón estar cheos de infinita sabedoría e de poder e bondade incomparábeis.

Sabemos, si, e tamén pola palabra que o noso Deus sementa en nós, que a vida non nos aforrará padecementos e contrariedades. Pero iso non é máis có pequeno prezo que temos que pagar para que chegue a alumar plenamente en nós a luz que nolo aclarará todo. Tamén a semente, como calquera labrego ben sabe, podrece e desaparece aparentemente no intre mesmo de se transformar en novo froito. Esa nova e transformada vida fará que o proceso anterior non veña xa contar practicamente nada. Dito coas palabras da segunda Lectura (da carta de Paulo ós Romanos): "non hai comparanza entre os padecementos da vida presente e a gloria vindeira, que se vai revelar en nós”. É algo así, en palabras tamén de Paulo, coma o proceso dun parto laborioso, que ó final queda superado pola alegría do nacemento dunha nova vida: “toda a creación –dinos Paulo- vén xemendo ata hoxe e retórcese coma con dores de parto".

Que esta esperanza de vida nos converta a todos e a cada un de nós en sementes portadoras de vida e de eternidade.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES