O Topónimo "Valuria"
Quen dubida que o Boletín Oficial da Provincia de Lugo é, cando menos, un caixón de xastre pola heteroxeneidade e diversidade de topónimos que nel se dan á luz, mais tamén é un caixón de sorpresas en canto á aparición dun topónimo, que se non está na Terra Chá, andaría moi preto dela e viría a corroborar o que Aquilino Iglesia Alvariño propoñía como posíbel nome ancestral da Terra Chá; estamos a nos referir ao termo Valuria, do que xa en páxinas anteriores comentabamos naquel tan prezado artigo seu titulado "Saudades en el mar de Joló", onde o autor, cambiando de plano e pasando de Filipinas a Mondoñedo, comentaba... Y Dios, como verdeaban los prados de Valuria y Pelourín...

Pois ben, a nosa sorpresa acaece ao adentrarnos no ano 1862, no BOP de Lugo do día 28 de xullo e na páxina 3 do devandito boletín onde atopamos no apartado de ADMINISTRACIÓN PRINCIPAL, -hai que pensar que isto ocorre cinco anos despois da segunda desamortización desenvolvida por Pascual Madoz (1854-1856)- e na sección de "ADMINISTRACION PRINCIPAL DE PROPIEDADES Y DERECHOS DEL ESTADO DE LA PROVINCIA DE LUGO". "Remates para el día 3 de Agosto de 1862" de "Menor Cuantía", "Rentas que se sacan darrendamiento según el pliego de condiciones que antecede correspondientes á la provincia deLugo". "Rentas del año 1862".
Procede posteriormente á descrición dos concellos por orde alfabética e das súas rendas, mais, ao chegar a Mondoñedo, achamos o que segue...
El quiñón de los montes de Valiña y Seivane que no están aforados con 33 fanegas trigo y 10 marianas que se cobrarán de los foristas del lugar de Mondoñedo y San Justo de Cabarcos, veinte y tres fanegas de centeno que por razón de lanzas se pagan en Cesuras y Zoñán, 20 fanegas y medio ferrado de trigo que se cobrarán en Mariz. Cesuras. Seibane. Baliño. Corpegueiros. Longarela. Baluria. Mondoñedo. Villamartin. San Justo. Budián y Villaronte.
Como podemos observar, aparece un topónimo denominado Baluria, co "B", entre os concellos que hoxe corresponderían cos de Guitirz, Mondoñedo, Abadín, Barreiros, A Pastoriza e Foz, o que nos quere dicir que, polo menos, é un topónimo existente do que debeu beber o grande Aquilino Iglesia Alvariño para denominar á Terra Chá como Valuria.
Neste texto achamos tres conceptos que hoxe non se usan e que corresponden a: "quiñón, marianas, por razón de lanzas e foristas".
O quiñón é unha cantidade que corresponde a cada un dos que participan en determinadas reparticións como pode ser por herdanza ou relativa ao mundo da pesca, neste caso refírese a unha cantidade por levar en arrendamento os montes de Valiña e Seibane.
As marianas deberían ser unhas cantidades de diñeiro relativas a algo relacionado posiblemente co culto á Virxe María, mais non atopamos o seu significado, aínda que se debían cobrar aos foreiros de Mondoñedo e San Xusto de Cabarcos.
Os foros eran contratos esencialmente agrarios e de longa duración ou mesmo perpetuos, polo cal unha persoa ou institución lle cede a outra o uso dun ben a cambio dunha renda e unhas condicións estipuladas.
Por razón de lanzas debía ser referido a homes de armas que tiñan que estar provistos de dúas cabalgaduras, a primeira delas tiña que ser un bo cabalo, que tivese fortaleza para entrar con valentía nas batallas e a segunda, unha mula, faco ou egua ruín, na que se levaban as armas e coas que certos cabaleiros ou escudeiros, vasalos do rei, dun señor ou dunha comunidade, lles servían na guerra, desfrutando como remuneración de todo iso, algunhas terras e certas franquías ou exencións de pagamentos de impostos, neste caso concernente aos de Cesuras e Zoñán.
Resumindo, diremos que aínda que a palabra Valuria é moi ben soante e ese "i" epentético dálle un son peculiar, atrevéndonos a dicir que a fai máis feminina, constatamos outrosí a súa presenza tanto en Aquilino Iglesia Alvariño como neste topónimo que estaría moi cerca da nosa Valura ou Valuria.
Salve Valuria!
Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela
NOTAS:
BOLETÍN OFICIAL DE LA PROVINCIA DE LUGO.- Nº 90, 1862, Julio 28, página 3.