Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pasamos das lareiras á cultura globalizada (9)

martes, 22 de agosto de 2023
.../...

A leña tampouco sobraba, a pesares do arboredo galaico, pero..., uns cantos peros! O primeiro se cadra era porque o cabrún goza cos grumos arborescentes, que son os seus pasteis, e así impiden a proliferación do bosque! As árbores, en xeral, delimitaban as fincas pois o interior precisábase, e non chegaba, para os cultivos, fosen hortícolas, cereais ou pastos. No monte abertal non era cousa de deixar medrar as toxeiras, nin as xestas das chousas. ¿Por que? Elemental, rapaces: o toxo da mariña había que picárllelo ás bestas, e o arnal facía falta para roxa-lo forno do pan, e para a cama das cortes e dos currais. A terra ácida é insaciable cos estercos, que os dixire en tres meses, maiormente nas nosas invernías, frías e húmidas. En canto ás xestas, ¡que boa rabia merecían pola abundancia das súas carrachas!, facíanlles complemento aos toxos, así que poucas chegaban a ter un furco de diámetro.

¡Que razón tiñan os druídas no seu adora-las árbores, ese maná permanente que Deus nos concede, eses madeiros que son, e foron, cara e cruz da vida, co propio Xesús Cristo deixándose soster, e incluso agonizar, nun deles! Eu comezaría polos castiros..., diante, debaixo, dos que tanto me axeonllei, e non todos eran da miña casa, pois, de tanto que soutaba os nosos chegábanme a pouco! Tamén é certo que foi o único roubo que cometín; iso si, reiterado, ano tras ano! Era cuestión de madrugar, e con iso, un cestiño e mais un saco, veña soutar! Cando se levantaban os veciños, o Pepiño de Gómez xa volvía para a casa arrastrando no saco, cheo, pois eran tantas que non podía con el ao lombo. Daquelas castañas: As dos bullós pelábaas de noite, a carón da lareira, coa luz das brasas, que xa tiñamos un cestiño de táboas da medida calculada para que nos chegase para os seis, ao xantar do día seguinte; mentres, o resto da familia facía as outras labores da casa. As asadas, nunha latiña que furara meu pai Pasamos das lareiras á cultura globalizada (9)cunha punta de piso, e sobre das brasas, ¡bendita lareira, que non me cansarei de lembrarte!, pasteis, pasteis de castaña, castañas asadas nas brasas, os únicos doces que coñecíamos a maioría dos nenos da miña bisbarra! Coas castañas unha trampa, necesaria pero trampa: ceba-los cochos..., para despois matalos!

Landras non roubei; landras, non, que tiñamos abondas na nosa carballeira. Se aquelas castañas foron o meu confeito, as landras facían felices aos porcos; axudáronlles a engordar, antes, e por tanto, tamén a morrer antes!

De froitas, ¿que? ¡Infinitas! Viñan deseguida os amorodos bravos, que se reproducían anualmente, sen outro coidado, no valado do fondo das cortiñas de Abaixo das casas. Unha vez tanto me acheguei á beira do valado, ¡non se podía desaproveitar ningún, nin sequera os do valado, por ortigas que os escoltasen!, e cos ollos cravados naquelas xemas preciosas, os pés, descoidados, esvararon, así que a miña caída foi de antoloxía, tres metros de alto, ou máis! Como o sitio estaba illado e solitario, os meus berros chegaron ao Ceo pero non ás casas, así que me valeron os anxos, e non as persoas, de tal xeito que en cousa dunha hora de queixas xa estaba o neno buscando unha escarpadura livián pola que agatuñar, pola que gañar altura para volver á mesa morotal. ¡Morotal, pero case mortal!

Tras dos amorodos non tardaban en chegar as cereixas, comezando polas enxertas. Nunca gabeei ben, nunca fun un bo trepador, ¡nin trepador nin trepa!, así que me valía dunha panca das de varexa-los castiñeiros á que lle atei un fouciño pequeneiro, e con esa artimaña os rubís baixaban do ceo, do extremo sollío das ramas, mesmo á miña boca. Con iso, e por iso, creo que o maná dos israelitas eran..., as cereixas!

Logo viñan as ameixas, que tiñamos dúas árbores moi agradecidas xunto da caseta da herba de miña tía María; e digo agradecidas porque ao comeza-lo inverno meu padriño arrimáballes unhas picañadas de esterco, cunha cesta de excremento das pitas, do noso poleiro, co cal as ameixeiras, ledas e agradecidas, melloraban, ano tras ano; en cantidade, pero tamén en calidade. ¡Morreron de vellas, pero deixaron coias esparexidas, así que, de fillos, e netos, e bisnetos..., deben ter un a lot of, que din os ingleses! Tras das ameixas viñan as mazás e mailas peras... Daquela os mozos contaban unha canción picaresca, que tardei anos en entendela, ¡torpe, ou inocente, que era aquel rapaz! Esta noite, de madrugada, abalei unha pereira, que nunca fora abalada...; tra-la-ri, tra-lará!

En canto ás mazás xa me estou cansando de repetir que o pecado da Avoa, o de Eva, non foi de mazás, que niso o Xénese botoulles a culpa para non escandalizar: ¡O pecado da Eva foi que se namorou de Lucifer, Príncipe da Luz, e púxolle os cornos ao seu Adán por..., porque era iso, un adán, que estaban xuntos e non se molestaba en compracela; por iso lles viñeron os fillos tardíos, e xa coa herdanza pecaminosa!

As mazás son manxar celestial, crúas, asadas, ou en sidra, así que nos lles botemos culpas que non teñen; ¡sempre se acusa aos inocentes, por..., por indefensos!
Pasamos das lareiras á cultura globalizada (9)
¿Peras? Para asar, e para compota, as "pardas", pero esa raza, a forza de enxertos, multiplicárona, clonárona, tirando unha descendencia espuria que non se lle iguala ás do meu Bergland.

Non se me esquecen os figos, en absoluto, e iso que lles debo unha caída encima dunha colmea; daquela as abellas, enfadadas comigo cando debían anoxarse coa figueira quebradiza, puxéronme a cara feita un globo, un cabezudo, precisamente o día da festa do Santo, para máis INRI!

Por último, e non por desprezalas, estaban as amoras das silvas, das silveiras, que se vendían caras porque había que pagalas cunhas rabuñadas espiñosas do máis doloroso.

Está claro que a natureza neste país é prodiga, e por tanto, seguramente por iso, témola desprezada, esquecida, aburrida. Sería cousa de reunir á xuventude actual, tan descridos e tan desagradecidos que adoitan ser, en torno a unha lareira, para explicarlles aquelas xenerosidades tan gratas, e..., gratuítas!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES