Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (70)

viernes, 04 de agosto de 2023
A delimitación xeográfica da Valura segundo Don Eugenio Reguera y Pardiñas

Xosé Luís Pensado no libro titulado: Traducción de algunas voces, frases y locuciones gallegas, especialmente de agricultura, al castellano. (1840-1858), en Cadernos de Lingua, publicado pola R.A.G. en 1995 e basado nun manuscrito que se atopa no Arquivo Histórico Nacional (Códice 1015B). Está constituído por un conxunto informe de folios sen numeración e tamén de fichas. A letra do manuscrito é bastante variada e irregular, parece de diferentes mans e tamaños, por iso a min paréceme un traballo de campo. Semella ser un borrador segundo nos di X.L. Pensado, o autor dunha obra inconclusa. Do autor non sabemos nada, aínda que Ramón Villares suxírenos que pode tratarse de Eugenio Reguera y Pardiñas, gobernador cívil de Lugo que foi Jefe Político de A Coruña en 1845, logo de 1850 a 1856 foi Jefe Político de Segovia, e en 1856 foi Gobernador de Lugo e colaborou no Diccionario del Dialecto Gallego de Luís Aguirre del Río.
A misteriosa e incógnita Valura (70)
Supoñendo que sexa certa a autoría, no referido libro atopamos o comentario de catro aspectos diferentes do término "Balura"; concretamente, e en primeiro lugar, na páxina 44 do citado caderno, cando comenta a palabra COUTADA, expresando que na nosa Valura hai outro vocábulo distinto ao de "coutada" que é a denominación de "trela" porque como el moi ben nos di... "Cuando en el arriendo de los alrededores de cualquiera agro entran varios consortes, los bueyes o vacas deben llevarse (por) en el pasto por el cabestro, llamado en la Balura "trela" y como van aparejados se llaman entrelados, que en castellano podía decirse atraíllados".

Observamos como o traballo de campo do seu autor au autores parece impecable en canto a denominación da comarca co seu nome orixinario que é o de "la Balura" non aparecendo para nada o de Terra Chá, froito posiblemente de que sexa un traballo de campo como antes dixemos.

En segundo lugar, atopamos tamén a palabra "Balura" na páxina seguinte (páx. 55), onde vemos a delimitación xeográfica polo sur como comprendida entre as montañas Valuras e que o autor delimita entre Vilalba e Lugo cando nos dá os significados correspondentes ao término "curro" e que nos fai lembrar a Manuel María, pois nós temos oído que Manuel María dicía que a Terra Chá chegaba ata a muralla mesmiño, non sabemos se o dicía de verdade ou era para xolgorio e regodeo.

Nesta segunda acepción referida a CURRO, comenta o que segue:
"Hacia la Balura, tierra montañosa entre Villalba y Lugo, dan ese nombre a (los tojares), unos cercados, que en otras partes de Galicia denominan "chouzas", y en el Salnés hoy día "tomadas"... Los curros además de tener árboles, sirven para pasto y de dar tojo para los hogares, los hornos y picar para las caballerías, y hacer estiércol en los corrales y en los establos. Sirven para apacentar el ganado vacuno y el caballar; al efecto lo tienen divididos a (en) trechos por medio de paredes de "chantos", para que las reses sólo pasten las porciones, unas después de otras y no estropeen todo el cercado a su voluntad... pudiendo por este método, digno de imitarse en otras partes, reservando el tojo que convenga, bien cuando las matas retoñan, bien cuando están crecidas; pues en el primer caso hay que vedar el pasto a los ganados, para que no coman los brotes y despueblen de tojo el terreno; y en segundo para que el tojo no se despunte, porque entonces no sirve ni para estiércol, ni para picar o pisar para los ganados"...

Este segundo parágrafo, non ten desperdicio, porque alaba a maneira de proceder dos Valuros nos curros co noso sistema de chantos ou vargos para protexer o toxo. En Galicia temos que facer, como mínimo, dous monumentos, un deles á vaca e outro, tamén ben merecido, ao toxo, porque, un e outro, téñennos sacado aos galegas da fame e do frío. O parágrafo traenos á nosa mente toda a nosa infancia dos anos 50, cando se ía aos toxos ao curro porque o toxo era un arbusto imprescindíbel na nosa Galiza e que a pesares das súas espiñas sempre verdes, tiña unha multiplicidade de usos, por iso había fincas específicas na que se sementaban toxos e xestas mais concretamente o toxo dábaselle picado ou pisado aos cabalos e ás eguas, empregábase para roxar o forno no que se cocía o pan, quentaba aos nosos antepasados na lareira, con el cocíase aos cochos, poñíase diante da casa nos currales para que cando pasase o gando, ao ceibalo da corte fixesen a bosta ao iniciar o seu movemento para convertilo en esterco o mesmo que cando coas galletas se estraban as cortes para cama dos animais, sempre mezclado con palla e xestas. Por esa razón, como nos di o autor, na Valura poñíanse paredes de chantos para utilizalo máis tenro como comestíbel da cabaleiría ou máis medrado para os outros fins.

A terceira acepción, na páxina 50, tamén é relativo ao esterco, cando fala das voces ESPAREJER e ESPARGER dicíndonos que o seu significado é o de "esparcir el estiércol" e que hoxe nós consideramos como "extender o esterco". Os traballos na Galiza estaban separados ou mellor dito, uns eran máis de homes e outros máis de mulleres: os homes arrincaban o esterco das cortes, cargábano no carro e levábano para a finca. O autor dinos o seguinte con relación a extender o esterco "En la Balura sólo lo hacen las mujeres" do que dou eu fe nos meus anos mozos.

Fáisenos unha cuarta referencia no libro citado, na páxina 95 e na sección de Refranes y apotegmas gallegos recollendo o que segue:
"Fiadeira, e tí ¿que fiache?
que chegou marzo
e a téa non botache?"

E logo segue dicindo que é a... "Reprensión a las mujeres del campo, que habiendo por su desidia holgazaneado con sus hijas y sirvientas durante las noches largas del invierno, y después no tuvo hilazas domésticas con que tejer sus telares en la primavera, para el aseo y comodidades de la familia y casa". Todo o que antecede di estar recollido en "La Balura, provincia de Lugo".

Resumindo, os textos parece ser que están datados entre o 1840 e o 1858, é dicir, a mediados do século XIX. Como vemos, non fala de Terra Chá, senón de Terra de "la Balura" delimitándoa, ata certo punto, entre Vilalba e Lugo, e tratando unha serie de acepcións recollidas na zona, posiblemente nun traballo ou traballos de campo feitos por varias persoas, o que viría a solucionar o feito de que as fichas teñen letra moi desigual.

Salve Valuria!

Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela

NOTAS:
PENSADO, J.L.- Traducción de algunas voces, frases y locuciones gallegas, especialmente de agricultura, al castellano.(1840-1858). Cadernos de Lingua. Real Academia Galega. 1995.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES