Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sarela. Paisaxe natural. Un libro para coñecer mellor a cidade

jueves, 27 de julio de 2023
"Entre o Sar e o Sarela, Santiago de Compostela", dicían os antigos habitantes da cidade a modo de enmarque. Unha urbe que se precie ha ter montes que a rodean e Sarela. Paisaxe natural. Un libro para coñecer mellor a cidaderíos que a limitan. Así sucede coa nosa Compostela.

O Consorcio de Santiago e a editorial Alvarellos acaban de publicar Sarela. Paisaxe natural de José Manuel Ortigueira. Un libro que estuda o percorrido do Sarela, ese río que marca o Oeste da localidade, dende o nacemento en Pardaces ata a desembocadura en Vidán. Nas súas beiras as pegadas do pasado en forma de arquitecturas populares como as pontes, os lavadoiros, os muíños pero tamén os restos das construcións industriais como esas quince fábricas de curtidos que converteron na capital da produción do coiro en España. Ao lado deste patrimonio construído, atopamos o natural con árbores e flora que nas vísperas do san Xoán son recollidas pola veciñanza de Galeras para deixar a remollo baixo a lúa.

Debuxos, fotografías e planos de diferentes épocas complementan un percorrido no que imos coñecendo dende petróglifos ata construcións e situacións desaparecidas coma os muíños de casca, as salas de moenda dos muíños, os lavadoiros comunais nos que as mulleres lavaban ao tempo que poñían a roupa a clareo coa catedral no pano de fondo. A fauna común e a flora silvestre ao lado dos xardíns xeométricos do pazo de San Lourenzo.

Revísase a agricultura e a restauración da fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba agora convertido en Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación que conta cunha rehabilitación (desculpando a redundancia) de moita calidade, froito do traballo de arquitectos comprometidos coa cidade e o seu Consorcio.

Un traballo descritivo que bebe do estudo continuo, da recompilación de documentación con imaxes tan significativas como a da votación do Estatuto de Galicia nunha dependencia da fábrica das Casas do Rego o 28 de xuño de 1936 daquela utilizada como escola municipal.

Recóllense a Fábrica da Luz ou a Capela do pazo de San Lourenzo, as ruínas do pazo do Espiño, as novas arquitectura como a urbanización Luar do Carme, a antiga Fundiciones Franco ou a Vaquería. Unha referencia fundamental aos arquitectos que fixeron posible esta recuperación como Víctor López Cotelo, José Luís Pereiro ou Ángel Panero Pardo. Para chegar ao remate, co Sarela literario onde se recollen dende cantigas populares a referencias literarias cultas nas voces de Rosalía de Castro ou Valle Inclán. Pon o loureiro á obra un apéndice de datos económicos, xenealóxicos e de bibliografía e documentación para continuar afondando nesa vía de auga, cultura, economía e beleza que é o Sarela.

Un gran traballo este de Ortigueira que, por se non era suficiente doa os réditos económicos a COGAMI nese empeño solidario que sempre o caracterizou, a el e ao grupos de persoas que forman un núcleo emocional na Asociación de Antigas Alumnas e Alumnos da USC. Xustamente, hai uns días, ALUMNI convidounos a un percorrido a pé polo Sarela guiada polo propio José Manuel Ortigueira, o profesor Xoán Carmona e o arquitecto Ángel Panero, un verdadeiro luxo de camiño de aprendizaxe e cultura. A xenerosidade de algunhas persoas coma o autor deste libro, fai máis grande unha cidade!
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES