Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Versos de mulleres

jueves, 20 de julio de 2023
Así fala Penélope. Unha antoloxía de xénero da man de Marta Dacosta, publicada por Chan da pólvora.
Penélope está presente na literatura galega, especialmente na poesía. Tróuxonola Díaz Castro para falar do país baixo ese título "Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea dos teus sonos non se move. / A espranza nos teus ollos se esperguiza. / Aran os bois Versos de mullerese chove." Entregóunola Xohana Torres no verso feminista: "Así falou Penélope: / "Existe a maxia e pode ser de todos. / ¿A que tanto novelo e tanta historia? / EU TAMÉN NAVEGAR.»
Marta Dacosta pon a falar a Penélope. Así fala ela, dinos, e dálle a palabra ás poetas: 46 mulleres cos seus versos. Mestura varias xeracións, voces máis ou menos recoñecidas e poemas publicados entre 1991 e 2022.
Helena Villar con "Celebro o noso rito" de Festa do corpo reivindicando o desexo feminino. Olga Novo en "22 de xaneiro de 2002" de A cousa vermella establecendo o diálogo entre as linguas e a cultura universal coa nai labrega. Eva Veiga en "XLVI" de Fuxidíos maldí a Sombra que lle negou á terra o que era dela. Enma Pedreira en "Rapunzel (et alia)" de O libro das mentiras retoma as personaxes femininas dos contos tradicionais. María Reimóndez en "E por último aquí está" de Moda galega enfronta as mulleres que cosen as roupas con aquelas da talla 36 das marcas. María Xosé Queizán en "A amante nunca ten dentes postizos" de Metáfora da metáfora coloca ao poeta ante a idealización da muller. Yolanda Castaño en "Cando deixo de ser flor" de Profundidade de campo faise preguntas sobre a imaxe. María do Cebreiro en "Unha lección de anatomía" de A lentitude reflexiona sobre a idea da beleza. Antía Otero en "Cedo" de O son da xordeira volve ás mulleres que cosen... E así, unha tras outra, retoman o eterno tema da diferenza, da muller que ha de seguir a reivindicarse, da muller mirándose no espello do pasado para darlle unha volta transformándoo e que o mañá esperte sen o canto do galo, da muller que fala de propio desexo oculto na literatura anterior, das mulleres que lavaron e continúan cosendo para que a industria sexa "sustentable", a muller ante a mirada do home ou ante as historias que marcaron a nosa infancia...
Na convocatoria do premio Fina Casalderrey de literatura para a igualdade imos vendo as temáticas que se van tratando: a distribución do patio de recreo na escola cando o fútbol e os nenos o ocupan maioritariamente, a presenza da menstruación na literatura infantil, o galiñeiro como lugar onde disputar o poder, a arbitrariedade da discriminación da muller ou as expectativas ante o nacemento dunha criatura. Da mesma maneira, nunha antoloxía de xénero as temáticas han de repetirse porque ser subalterna séntese en aspectos moi determinados que a maioría das mulleres sufrimos ou observamos con dor. Por iso é tan necesaria esta antoloxía, un libro no que recoller as voces das mulleres falando de si mesmas e/ou das mulleres en xeral. Un libro que, ademais, retoma o mito de Penélope, a que se nos contou tecía e destecía agardando a Ulises e nós quixemos transformar na muller que en vez de agardar navega (igual que o heroe da guerra de Troia), a muller que se fai dona do seu destino e non permite que nin o pai nin o home nin o fillo nin os pretendentes marquen a súa axenda.
Navegan as mulleres por mares e océanos dicindo a súa palabra, para que nunca máis podan ser enviadas á casa ou pintadas en vez de pintoras. Son tempos de igualdade, aínda no medio da violencia de xénero ou de ideoloxías de extrema dereita querendo limitalas. Aquí están as mulleres, deixade paso”".
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES