Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Quen son eu?

martes, 11 de julio de 2023
Hai quen opina que na maxistral frase de Descartes "Eu penso, logo eu existo", quedou establecido con firmeza que o pensamento, ou, se o prefiren, a conciencia, determina a existencia, pero non a identidade do eu pensante, Quen é ese eu? Cal é a súa morada? John Locke, un dos máis influentes filósofos do empirismo inglés, afirmou que a identidade non pode residir na corporalidade. Parece lóxico que non sexa o corpo quen determine a identidade pois podemos, por exemplo, perder un dedo e seguiriamos sendo nós mesmos.

Outros defenden que a memoria é a morada da nosa identidade. De maneira que, se perdemos a memoria, perdemos a identidade do noso eu. Se algo nos ensinou a enfermidade de Alzheimer, caracterizada pola perda da memoria e a deterioración cognitiva severa nas súas fases agudas, é que o suxeito pode chegar a perder a súa identidade, mais, en ningún caso, as persoas que acompañan ao paciente, e que sofren ao seu carón as terribles consecuencias deste mal, esquecen quen é.

E mesmo hai quen afirma que a morada da identidade é o cerebro, cousa que tamén dubido. Os científicos descubriron que comer chocolate produce cambios cerebrais; e eu, que como todo o chocolate que apaño, non notei cambios na miña identidade.

A min pásame algo parecido ao que dixo o filósofo chinés Lao-Tse: todos están seguros de quen son, menos eu. Chuang Tzu, outro filósofo chinés do século IV a. C., convidounos a reflexionar sobre a parábola dun home que soñou que era unha bolboreta que voaba libre e feliz preto do ceo e, cando espertou, xa non sabía se era un ser humano que soñara ser unha bolboreta ou unha bolboreta que estaba a soñar que era un ser humano.

Dirán vostedes que non fai falta ir tan lonxe pois Calderón de la Barca sentenciou en La vida es sueño que "todos soñan o que son, aínda que ninguén o entende". Válenme ambas versións, aínda que eu sigo como estaba.
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES