Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A grandeza da pequenez

domingo, 09 de julio de 2023
Atopámonos na lectura do texto do evanxeo cunhas palabras que Mateo pon en boca de Xesús e que están cheas dunha conmovedora confianza del connosco, presentes nós dalgún modo nos seus apóstolos, discípulos e mais na xente sinxela e pobre que o arrodeaba. As primeiras son as seguintes: "Douche grazas, Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles agachaches estas cousas ós sabios e entendidos e llelas revelaches á xente sinxela". Probabelmente poucos (ou quizais ningún) dos "sabios e entendidos" escoitarían estas ou semellantes palabras directamente da boca de Xesús e seguramente, en cambio, habería alí moitos (ou ben deles) dos que Xesús denomina "pequenos" ou "xente sinxela", é dicir, humildes, pobres e xente de bo corazón que escoitaban Xesús con devoción e íntimo consenso.

Vén seguramente moi a conto aquí o que hai xa ben de anos lin sobre o que lle ocorrera a un relevante especialista en estudos bíblicos que estudaba por entón estas materias na chamada "Escola Bíblica de Xerusalén". Cóntao el así: "Un mestre de exexese bíblica iniciábanos na difícil arte de desentrañar o evanxeo de Mateo. Todo semellaba pouco para captar o sentido último do texto: crítica textual, análise literaria, estrutura da pasaxe. Un día, chegamos a eses versículos nos que Xesús exclama: ‘Douche grazas, Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles escondiches estas cousas ós sabios e entendidos e llelas revelaches á xente sinxela’. O profesor fixo un longo silencio. Despois, díxonos moi amodo: ‘Non esquezan nunca estas palabras. Todo o demais pódeno esquecer’. Foi probablemente a mellor lección de exexese que recibín na miña vida. Despois, ó longo dos anos, puiden ver que é así. Sempre que tiven a impresión de estar xunto a unha persoa achegada a Deus, foi alguén de corazón sinxelo. Ás veces, unha persoa sen grandes coñecementos, outras alguén de notábel cultura, mais sempre un home ou unha muller de alma humilde e limpa".

Xesús está, pois, a orar, a conversar co seu Pai e noso Pai Deus, diante mesmo dos seus oíntes. E ora dando grazas ("Douche grazas, Pai"). Algo semellante ó que moi correctamente intentamos facer nas nosas "eucaristías", pois en principio todas elas queren ser tamén, antes ca nada, acción de grazas por tanta boa cousa coa que Deus nos agasalla. Xesús dá, pois, grazas porque ámbolos dous (o Pai e mailo Fillo benquerido) coinciden nas súas querenzas e simpatías. Ámbolos dous téñenlles moi boa lei ós pobres, ós cativos, ós sinxelos, ós nenos, ás mulleres, é dicir, a todos aqueles ós que os poderosos deste mundo pouca importancia lles daban naqueles tempos e incluso non llela dan tampouco agora.

A simpatía de Deus Pai e mais do seu Fillo coa "xente sinxela" non é máis cá continuación mesma do amor do Pai a un seu Fillo, que é así tamén cativo, pobre e sinxelo. Entre os fermosos textos de Mateo lemos esta conmovedora confesión que fai o seu Mestre sobre si mesmo perante as persoas que o escoitan: "Eu son bo e humilde de corazón".

Que as persoas que o seguían dun sitio para outro e que o escoitaban dixesen sobre el algo semellante ó que el dicía sobre si mesmo é doado de entender. Mais que el se tivese detido a afirmalo sobre si mesmo é moita cousa. Moi ben el sabe que nos convén moito que o saibamos e que tal manifestación sobre si mesmo teña saído da súa boca e do seu corazón. Só así pode medrar efectivamente a nosa confianza nel, na súa bondade, na súa sinxeleza e humildade. Os cristiáns atopámonos así na nosa vida, non diante dunha xigantesca rocha ou parede acugulada de normas para as cumprirmos (coma no Antigo Testamento), senón diante dunha persoa que é esencialmente boa, sinxela e humilde e que se coloca á miña beira a título de amigo e irmán.

O grande e insospeitado para nós é que non é só el quen é así, senón tamén o mesmo Deus omnipotente que fixo o ceo e maila terra e que en Xesús quixo amosársenos tal e como é. Pois entre Pai e Fillo nada hai que sexa descoñecido: "Ninguén coñece o Fillo agás o Pai, nin coñece o Pai ninguén agás o Fillo".

Ofrécese así Xesús a aliviarnos nas nosas canseiras, fastíos, abatementos e desazos: "Achegádevos a min tódolos que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei". Pois a súa mensaxe é levadeira. É sempre "alegre nova", como o papa Francisco non deixa de repetir no seu escrito "A alegría do evanxeo". Ceibo ó ar algúns anacos dos seus comentarios por se se queren pousar mansamente nalgún de vós:

"Os que se deixan salvar por Xesús son liberados do pecado, da tristura, do baleiro interior, do illamento. Con Xesús Cristo nace sempre e renace a alegría [...] O gran risco do mundo actual, coa súa múltiple e abafadora oferta de consumo, é unha tristura individualista que xorde do corazón cómodo e avaro, da busca morbosa de praceres superficiais, da conciencia illada [...] Os crentes corren tamén este risco [...] Moitos caen nel e convértense en seres resentidos, queixosos, sen vida [...] Non fuxamos da resurrección de Xesús, nunca nos declaremos mortos, pase o que pase [...]. Todos teñen o dereito de recibir o evanxeo. Os cristiáns teñen o deber de anuncialo sen excluír ninguén, non coma quen impón unha nova obriga, senón coma quen comparte unha alegría, sinala un belo horizonte, ofrece un banquete desexábel. A Igrexa non medra por proselitismo senón por atracción".

E remato aludindo aínda a un par de pensamentos do mesmo papa Francisco nesta súa encíclica, que tan ben se poden aliñar coa temática do texto de Mateo:

"Non nos deixemos roubar a alegría evanxelizadora! Non ó pesimismo estéril! A alegría do evanxeo é esa que nada nin ninguén nos poderá quitar [...] A tarefa evanxelizadora implica e esixe unha promoción integral de cada ser humano. Xa non se pode dicir que a relixión debe recluírse no ámbito privado e que está só para preparar as almas para o ceo. Sabemos que Deus quere a felicidade dos seus fillos tamén nesta terra, aínda que estean chamados á plenitude eterna, porque el creou tódalas cousas ‘para que gocemos delas’, para que todos poidan gozar delas".
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES