Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (68)

viernes, 21 de julio de 2023
OS SAAVEDRA E O MUNDO VALURO

Diciamos que os antigos poboadores de Galicia, os Oestrymnios, foran expulsados por serpes como nos poñía en conexión a obra de Rufo Faustio Avieno en Ora Maritima, na que describía como os "cempsos" e os "saefes" (pobos celtas), invadían o territorio dos Oestrymnios, e a partir dese intre cambiaba o nome por Ophiusa, termo grego que significa "país das serpes".
A misteriosa e incógnita Valura (68)Nós relacionabamos isto co culto ofiólatra na protohistoria galega e atopabamos a serpe como obxecto dun suposto culto celta de Galicia, do que nos sabemos, sobre todo no val do Miño, a partir do coñecemento de Ora Maritima de Avieno; tema tamén estudado por Bouza Brey e López Cuevillas que apoian a coincidencia entre as crenzas do pobo celta invasor de Galicia e o pobo invadido; é dicir, que o culto á serpe tamén debeu ser anterior e incluso propio dos Oestrymnios.
A xulgar pola serpe xigantesca que adoraban os Valuros na súa cidade de Veria, podería ser logo un culto ancestral á serpe moito antes aínda da invasión dos celtas ou saefes e que ten certa concomitancia con outra serpe xigante que habitaba a Cova da Serpe en Friol. Como testemuña dese culto ancestral en toda a Valura e dos arredores temos: o "Encanto do prado do Costeiro" de San Simón da Costa (Vilalba), a "serpe encantada" de Pena do Castelo (Xermade) ou a "Cobra de Amide" da que tamén fala Cunqueiro na Azúmara (Castro de Rei) entre outras lendas que non fan senón constatar a existencia dese culto ofiólatra.
Culto que practicaban os Valuros na súa cidade de Veria e que tiñan como animal sagrado a unha colosal serpe á que acaba matando Alceo, o que supón o remate dese culto ancestral e a chegada do cristianismo que non admitía o culto aos animais sagrados, e menos, a representación zoomorfa dos deuses e que aínda por riba de todo sería tamén a representación do mal encarnado polo demo (en forma de serpe) e á que había que matar sen remedio porque cando voaban o Xordán dicían “Maldito o que me viu e non me matou”, feito que Alceo de Verial non dubidou, sendo por iso o primeiro dos Saavedra, apelido polo tanto Valuro que nos emparenta coa nobreza da zona e co grandísimo escritor Don Miguel de Cervantes Saavedra.
Dos Saavedra dinos outro valuro, Paulo Martínez Lema, que procede dun antigo "sala vetera", co significado de "sala, pazo, residencia" e de "vetus-veteris" que significa "vella", e que, posiblemente, se converteu en "Saavedra". Prosegue Paulo Martínez Lema nos seus estudos sobre a "Toponimia de Begonte e Rábade" opinando o que segue: "existiu tamén unha pseudoetimoloxía de carácter erudito segundo a cal un esforzado cabaleiro deu morte na lagoa de Veria (lugar de culto do deus Baal e adoito identificada coa lagoa de Cospeito) a unha serpe monstruosa, de xeito que a conxunción da forma castelá "sierpe" co topónimo "Veria" daría lugar en última instancia ao topónimo "Saavedra". Noutras versións, Saavedra era o nome da propia serpe, e o cabaleiro que a matou adoptouno a partir deste momento como apelido familiar".
Segundo o cronista Vasco de Aponte, a casa torre dos Saavedra, foi fundada no ano 1322 e destruída polos Irmandiños nas súas revoltas do século XV.
Francisco María de la Iglesia no ano 1861 dinos o seguinte: "Iste linhage e ou de Sotomor toudo e unh propio. Ten seu soar junto a Lugo dicen que decendera do Emperador Caligula anno de Cristo XXXX. E que dil viu Alceo Verial que matou aquela gran serpe chamada Saavedra nas Lamas de Augoa junto da cibdade Veria, que se fundiu, onde estaba o Idolo Baal, e Montañas Baluras que deles descenden os Baluros que hé a gent mais roin que ten Galiza, como Eu Don Pedro deixo ja escripto en iste Linhagen. Po isto que fez tomou nome de Saavedra. E tomou po divisa a Cibdade fundida nas ondas, e ha serpe cunha maza nunha mao."
Neste parágrafo de heráldica acerca do apelido Saavedra foi escrito por un bispo de Ourense chamado Don Servando, confesor do rei Don Rodrigo a quen acompaña na batalla de Guadalete; este tal don Servando compuxo en latín un compendio dos sucesos de España desde o seu principio e polos anos 1150 traduciuno ao galego Don Pedro Seguino, que tamén era bispo de Ourense. O tal Don Pedro é o que aparece neste texto cando di "Eu Don Pedro deixo ja escripto en este Linhagen."
Todo este texto non ten desperdicio porque:
1º) Pon de manifesto que Calígula, emperador romano no ano 40 despois de Cristo é un antecesor dun valuro. Calígula foi o terceiro emperador romano dende o ano 37 ao 41. De pequeno acompañaba ao seu pai polas expedicións romanas a Germania onde se calzaba coas "caligas" dos lexionarios e de aí lle vén o nome afectuoso de Calígula.
2º) Os que si parecen nomes co cuño de valuros son os de "Verial" por ser un topónimo latinizado. "Alceo", porén, é un nome grego que se latiniza en "Alcaeus" e posteriormente acada o nome de “Alceo”. “Verial” toma o nome da cidade de Veria co sufixo "-al", que significa "pertencente a"; de aí que "Alceo Verial" sexa o significado de "Alceo que pertence á cidade de Veria".
3º) Outro nome que pode ser Valuro é o da cobra "Saavedra" sempre e cando en "Saavedra" estea incluído na parte final dos compostos lingüísticos o étimo "Veria". Tal e como nos di Paulo Martínez Lema.
4º) Descubrimos tamén un topónimo existente nos arredores de Veria coñecido como "Lamas de Goá" e que no texto anterior aparece como "Lamas de Augoa", onde o termo latino "aquam" > agoa > goá.
5º) Aquí, en Veria (Lagoa de Cospeito) estaba o ídolo "Baal" e as "Montañas Baluras que delas descenden os Baluros". Non sabemos o que quere dicir claramente, ou se os Valuros baixaron das montañas para habitar o chan ou se o nome Valuro procede das Montañas Valuras, isto último sería o máis adecuado porque segundo esta interpretación quere dicir que proceden de "Vallatura(m)", o que probaría todo o que vimos comentando da orixe da palabra.
6) Non podía faltar a apreciación de dous bispos no asunto relixioso, un que fai de historiador, Don Servando, e outro que traduce o texto ao galego, Don Pedro Seguino, expresando claramente que "hé a gent mais roin que ten Galiza", e se el o di, por algo será.
Salve Valuria!

Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela

NOTAS:
ALBERRO,Manuel.- Los pueblos celtas del noroeste de la Península Ibérica. Annuario Brigantino, 1999, Nº22.
CUEVILLAS, F.L. e BOUZA BREY, F.- Os Oestrimnios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza, en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, Volume II, Ano 1929, páx. 29.
IGLESIA, Francisco María de la.- Galicia. Revista Universal de este reino. Tomo I, Año I, Nº15,1861, Mayo 1, Imprenta del Hospicio, A Coruña, páx. 15.
MARTÍNEZ LEMA, Paulo.- Toponimia de Begonte e Rábade. Colección Terra Nomeada. Asociación Galega de Onomástica. Real Academia Galega. Betanzos. 2018.
PIFERRER, Francisco.- Nobiliario de los reinos de España (revisado por A.
Rujula y Busel). Diccionario de Heráldica. Tomo II, 2ª ed. Madrid, 1858
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES