Baldomero Iglesias Dobarrio e os Valuros de Caque
Contounos o autor e cantautor Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero) que o poeta Manuel María pediulle (a Mero) que preguntase aló pola Abelleira, barrio da parroquia de Duarría onde Mero ten casa, que consultase aos máis vellos polo nome de "A

Lanciana", cousa que fixo, e constatou como a xente maior lembrábase dese nome, que era o que se lle daba á lagoa de Caque pois, -segundo Mero- este último (Caque) é o nome que hoxe recibe ao quedar máis reducida, mais antes disto o seu nome propio era o de "A Lanciana". Contounos tamén que o que hoxe ocupa ou ocupaba o Sanatorio de San Rafael era unha parte de A Lanciana así como pola marxe esquerda da estrada que vai a Gontán e que hoxe está desecada como terreo agrícola.
Á lagoa de Caque tamén se lle chama lagoa de Bardancos, aínda que o meu sogro, Antonio Muinelo Docampo, nacido no ano 23 e con 98 anos, a esta parte desecada chamábaa polo nome de lagoa de "Lavancos", o que resulta moito máis críbel que o de Bardancos, parecendo este último unha contaminación lingüística de "Lavancos" en "Bardancos" e que fai referencia a un tipo de patos o de parrulos moi coñecidos polo feito de que os machos teñen a cabeza de cor verde e un colar branco no pescozo. Ave que aínda hoxe aniña na lagoa entre as espadanas e os xuncos.
Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero) no seu libro Somos Lenda Viva (Lendas para rapaces) publicado na compaña de Mini, mais a lenda referida está recollida por Mero onde nos di que A Lanciana "hai tempo foron catro (lagoas). Hoxe están recuperadas dúas... e alí baixaban a beber as eguas -algunhas baixaban pola entrada de Ansemar- sobre todo na Lagoa Grande na que recordan había moitas samesugas..."
Continúa Mero relatándonos o que escribira "Don Manuel Murguía na Historia de Galicia, (onde) fala daquelas xentes "os baluros" ou habitantes das Montañas Baluras que tiñan poderes semi-sacerdotais, menciñeiros ou feiticeiros que lles outorgaban

unha certa categoría de superioridade que sabían aproveitar moi ben"... "Con esta potestade "superior" e algo demoníaca, medrábanse entre as xentes e explotaban ós campesinos e labregos pedíndolles ofertas e dotacións que co tempo chegaron a ser abusivas. Mesmo os prelados da comarca tiveron que atallar aqueles atrevementos que escravizaban ós veciños"...
Baldomero Iglesias é o primeiro autor que a diferenza de Mato Vizoso recolle as peticións dos Valuros dentro da súa propia comarca ou da súa tribo porque Mato Vizoso falaba de que aparellaban as eguas e ían pedir os meses de verán fóra de Galicia, incluso poñéndolle un nome a este tempo que faltaban das súas parroquias denominado como "ir á Valura". Continúa Mero no libro arriba indicado, seguindo a Manuel Murguía, que... "Tiñan ás xentes engaioladas dicíndolles que na lagoa de Caque había once mil virxes e once mil cantantes que vivían naquela superficie lacustre con medio corpo dentro e medio corpo fóra (da auga) e que cantaban de noite e que calaban de día". Prosegue o autor... "Con estes e outros dicires (mesturados con embustes, oracións e ensalmos que conferían certa credibilidade e ritualismo a algo que resultaba tan esaxerado) explotaban ás xentes crédulas do entorno sacándolles diñeiro e xoias..."
É de pensar que isto, como xa dixemos noutras ocasións, faríano os Valuros máis modernos, chamándolles así aos Valuros dos séculos XIX e XX porque os Valuros dos séculos XV, XVI, XVII e parte do XVIII pedían para o Real Hospital de Santiago de Compostela e para os Mercedarios Calzados, entre outros; despois debeu ser con Mendizábal na coñecida Desamortización Eclesiástica o que puido facer que os Valuros pasasen de pedir para a Igrexa a facelo por eles mesmos, froito do posible desemprego, ao ter que vender a Igrexa os seus bens, e eles teren que dedicarse á mendicidade como medio de supervivencia.
Salve Valuria!
Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela
NOTAS:
MINI (Xosé Luís Rivas Cruz) e
MERO (Baldomero Iglesias Dobarrio).- Somos Lenda Viva (Lendas para rapaces), Edita Citania de Publicacións. Lugo 1996, Páxs: 250-51